Na Rede, que non é mala nin boa por si mesma, está máis ou menos permitido facer unha cousa que na vida real sempre levamos a cabo cun aquel de coidado ou disimulo: ollar cara ó interior dos fogares a través de xanelas que por calquera moito fican abertas. Que acontecerá naquela fiestra acesa a altas horas da madrugada? Basicamente, o éxito de moitos fenómenos redeiros radica niso: nunha incógnita que rematou en estimulante sorpresa e que desencadea unha listaxe de preguntas que case sempre comeza así: “Que está pasando aquí?”. Esa precisamente é a cuestión básica que se fai toda a comunidade internauta estes días con esta fotografía á que xa lle chaman o “novo gran fenómeno da Rede” e que presenta a un descoñecido levando a cabo a que ben podería ser a acrobacia máis imposible da historia das acrobacias.
A imaxe, que apareceu na portada de Digg e máis en Menéame (entre outros moitos sitios de todo o planeta, ó natural ou manipulada, mesmo en compaña de George Bush), ten todo o necesario para situarse como mito: un chimpo no aire nun espazo reducido e pouco propicio (semella ser o salón dunha casa), un corpo humano pouco propicio para semellante chimpo, un rolo de papel hixiénico na mesa que move á especulación sobre a súa finalidade, unha misteriosa transparencia na parede do fondo, uns jeans que esixen a berros un zurcido ou (xa postos) un recambio, unha estrañamente disposta garabata e, sobre todo, unha desacougante expresión facial para pechar o conxunto.
A listaxe de preguntas é, como dixemos, tan longa como podamos imaxinar: como rematou o chimpo? A que vén o chimpo? Que fai acesa a máquina das transparencias? Que estaban a ver? Que fai un rolo de papel hixiénico na mesa? A foto en cuestión, polo visto, foi vista no foro noruegués e a partir de aí, comezou a espallarse pola Rede coma un andazo vírico. Polo que se conta na Internet, o pouco que se sabe da imaxe é que é auténtica, non se trata dunha montaxe.
A imaxe dunha misteriosa patada de Kung-fu, novo fenómeno internauta
Compartir Este Artigo

