Ó Estado español aínda lle queda moito por avanzar en materia de competitividade tecnolóxica, xa que segundo un novo estudo patrocinado por Business Software Alliance (o órgano que se dedica a protexer con unllas e dentes afiados os intereses da industria do software) e elaborado pola Economist Intelligent Unit, o país fica neste intre no posto 24 do ranking, xusto por debaixo de Italia e por enriba de Estonia e Portugal, cunha puntuación de 46,1 sobre unha escala de 100. Segundo informa BSA, esta análise é nova no seu eido, xa que é a primeira vez que se compara ós países en función deste tipo de potencialidade innovadora en concreto.
En concreto, avaliáronse 64 países de sete rexións, e o certo é que case todos eles semellan do mesmo pau: en boa medida imposibilitados para levar adiante un “próspero sector das tecnoloxías da información”. Segundo BSA, só hai catro países con posibilidades de non caer nun gatillazo tecnolóxico: Estados Unidos (con 77,4 puntos sobre 100), Xapón (72,7), Corea do Sur (67,2) e Reino Unido (67,1).
A presentación do estudo inclúe unhas declaracións de Luis Frutos, presidente do Comité Español de BSA, quen se pronuncia deste xeito sobre cales son aquelas cousas que España debería facer para subir postos: “Para que o país se sitúe no grupo dos países máis competitivos tecnoloxicamente é preciso facer un esforzo a todos os niveis por fomentar a innovación, o investimento en tecnoloxía e a creación dunha industria local forte”. E prosegue, sinalando por fin o que ó seu xuízo pode ser o principio da solución do problema, a erradicación do pirateo de programas: “Como representantes da industria do software, entendemos que o respecto á propiedade intelectual do software é un factor decisivo á hora de avanzar nestes obxectivos”.
España, no posto 24 da listaxe mundial de competitividade tecnolóxica
Compartir Este Artigo

