China semella a todas luces un país estraño. Coma un xigante que é metade comunista metade capitalista e que se mostra teimudo en coller o peor dos dous mundos. Coma unha escolma do desastre socioeconómico. O caso é que segundo unha investigación presentada polo goberno daquel país (unha investigación, por outra banda, igualmente estraña), os nenos e nenas do país e de idades comprendidas entre os 4 (!) e os 14 anos prefiren estar na casa durante o seu período de vacacións e, a poder ser, conectados á Rede.
O estudo, que ben podería responder a unha estratexia das autoridades por “vandalizar” Internet, xa que pola Rede chega a maior parte das voces de disidencia, achega tamén o seguinte dato: unicamente o 4% dos cativos enquisados elixe moverse polo exterior durante o verán, e só o 9% se inclina por acudir a campamentos e campos educativos.
Segundo o goberno chinés, as cifras son máis preocupantes do que semella a primeira vista. Non en van, xa ten catalogados como “adictos ás novas redes” a preto do 13% dos 20 millóns de internautas menores de 18 anos. O dato ten dobre lectura: semella preocupante por si só, pero cómpre ter en conta o seguinte: nin ás autoridades lles interesa que a Internet teña moi boa imaxe (Internet igual a “cousa incontrolable”) nin tampouco se inclinan por afondar nas causas da dependencia, que xeralmente responden a problemas previamente existentes.
China, preocupada polo incremento de nenos internautas a tempo completo
Compartir Este Artigo

