A Rede viaxa ben en autobús e este –habilitado de arriba a abaixo con medios técnicos e humanos- é o vehículo ideal para dala a coñecer na Galiza rural. Así opina a Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (AGESTIC), que inaugura esta semana na provincia de Lugo o percorrido do Infobus Bussi, medio de transporte do que xa falamos nesta web e que se move por dous tipos de estradas: as reais (de asfalto), e as virtuais (de información).
O itinerario, que se dá a coñecer este luns día 1 na Subdelegación do Goberno de Lugo pola propia AGESTIC en colaboración coa Asociación Profesional Agraria Xoves Agricultores, ten o punto de partida en Muras, este día 2, e segue cara a Ourol e Viveiro. O día 3, o periplo é O Vicedo – Xove. O día 4 vai do Cervo a Ferreira do Valadouro, o 8 de Pedrafita a Cervantes, o 9 de Vilanova de Lourenzá a Alfoz, o 10 de Baleira a Castroverde e o 11 de Pantón a Sober.
Como dixemos, o primeiro percorrido desenvolverase o martes 2, co seguinte horario: Muras, ás 10 da mañá; Ourol, ás 12 da mañá; Viverio-Celeiro, a partir das 4 da tarde. Esta actividade forma parte dun convenio asinado recentemente entre AGESTIC e mais a Asociación Profesional Agraria-Xovenes Agricultores (ASAJA Galicia) co fin de traballar a prol da superación da fenda dixital existente no medio rural galego. Os asinantes achegarán as novas tecnoloxías aos traballadores das explotacións agropecuarias, cooperativas e empresas do sector, dun total de 50 concellos das catro provincias. O proxecto (chamado Infored Rural) está apoiado polo Ministerio de Industria, a través do seu Plan Avanza. O itinerario proseguirá a partir de outubro en 15 concellos das provincias de Lugo e Ourense, e noutros 10 da Coruña e Pontevedra.
O autobús da Sociedade da Información de AGESTIC bótase este martes ás estradas galegas
Compartir Este Artigo

