Tendo en conta que andar pola Rede ten en moitas ocasións feitura de viaxe, que mellor sitio para deseñar, presentar e vender itinerarios? Esta idea, agora máis ca nunca unha realidade, é unha das que sostén o edificio de iniciativas web como Buscadestinos.com, unha nova proposta galega que leva operando na Rede dende o mes de xuño e que para coller pulo vén de poñer en marcha un concurso para viaxeiros que, amais de moverse no mundo real, tamén o fagan dun recanto a outro do virtual. O certame, que consiste nun sorteo de tres fins de semana nun balneario de catro estrelas no eido da Península e con acceso ó circuíto termal incluído, semella feito á medida da comunidade internauta.
De feito, levarase a cabo entre todas aquelas persoas que entren na dita web e se dean de alta no boletín e, amais diso, completen unha “pequena enquisa”, segundo indica a firma con sede en Vigo Desarrollo Tecnólogico de Ocio, responsable da posta en marcha de Buscadestinos. Por certo que no sorteo tamén entrarán aqueles internautas que tiveran reservado algún produto no devandito portal ou teñan proxectado facelo a partir de hoxe e ata o 31 de outubro (prazo no que ficará activa a promoción).
O sorteo realizarase o 5 de novembro e ese día daranse a coñecer os tres gañadores.
A web galega Buscadestinos.com sortea entre os seus usuarios tres fins de semana nun balneario
Compartir Este Artigo

