Leopard, a sexta versión do sistema operativo Mac OS X, vén (como era de agardar) facendo balbordo, causando expectación e mesmo horas de insomnio. E máis tendo en conta que: unha boa parte dos seareiros da casa da mazá teñen un aquel de devoción blindada ata o detalle e que Steve Jobs, o CEO de Apple, xa se preocupou ben de ir preparando o terreo que vai pisar sinalando que Leopard é sen dúbida a mellor actualización que endexamais ten lazado a empresa. O caso é que o programa ponse á venda este venres 26 ás 18.00 horas e ó prezo de 129 euros e entre os seus puntos fortes atopamos a estrea de ata 300 características, incluíndo un escritorio con Stacks (Pillas), un Finder redeseñado que permite explorar e compartir de xeito rápido os ficheiros entre múltiples Macs ou unha ferramenta (Quick Look) para a previsualización inmediata dos arquivos sen ter que abrir aplicacións. A presentación do Leopard vaise desenvolver ó mesmo tempo en múltiples escenarios internacionais, e a nosa terra semella que non vai ficar a marxe.
Polo de agora, xa temos constancia que os establecementos AS Computer de Santiago e Vigo van acoller a partir das 18.00 horas cadanseu acto de presentación. A idea principal é dar a coñecer dun xeito ameno algunhas das máis salientables novas características, entre as que se contan as devanditas ou mesmo a ferramenta Spaces (que permite constituír grupos de aplicacións e conmutar de xeito instantáneo entre elas) e Time Machine (que deixa marxe para realizar de maneira automática copias de seguridade de todo o contido do Mac.
Santiago e Vigo acollen este día 26 presentacións do Leopard, a nova versión do Mac OS X
Compartir Este Artigo

