Semella que a Sociedade Xeral de Autores de España (SGAE) conta xa as xornadas por voces que xorden en contra da súa xestión, tanto dende extramuros como, segundo informou os días pasados Francisco Garrido (deputado de Os Verdes do Grupo Socialista), dende o propio eido de autores que representa e por cuios intereses vela. Este malestar dos mesmos creadores, sinalou Garrido nunha intervención no Congreso á que tivo acceso Europa Press, xa é equiparable ó que experimenta unha boa parte dos consumidores desas creacións.
A SGAE, que leva anos sendo criticada por usuarios de soportes dixitais (CDs, DVDs, etc) polo polémico canon sobre copia virxe (e que o ente de xestión defende como un medio lícito para compensar ós artistas pola crise na que se afunde de xeito irremediable o sector do disco), foi cualificada por Garrido como “entidade de voraz arela recadadora”.
Amais disto, esixiulle ó Goberno español tomar a iniciativa ante “a existencia dun amplo e opaco entramado de sociedades mercantís e financeiras creadas, participadas ou intervidas pola SGAE”.
Para o deputado de Los Verdes, estamos ante un caso de sociedade ou organización sen ánimo de lucro que finalmente entra nun eido alleo: o notoriamente empresarial. De feito, cualificou á sociedade de “holding mercantil” en clara confrontación coa súa natureza case pública, de ente que defende os dereitos dos artistas e creadores en xeral.
Isto todo veu a conto polas recentes informacións que situaban á SGAE (que, por certo, inaugura sede en Galiza en xaneiro, concretamente na zona de Vista Alegre en Santiago, que podemos ver na imaxe) á fronte dunha complicada rede de sociedades limitadas.
Os Verdes solicítanlle ó Goberno que poña freo á “arela recadadora” da SGAE
Compartir Este Artigo

