A Federación Galega de Comercio segue adiante achegando material para a formación continua dos profesionais galegos. A entidade, que presentou estes novos contidos en formato CD-ROM (dous), contribúe a esta tarefa procurando cubrir dous obxectivos a través dun único movemento: o simplemente formativo e o formativo dende o punto de vista tecnolóxico. É dicir: o formato elixido afecta ó labor de ensino e á propia mensaxe (estudar sobre novas ferramentas tecnolóxicas é tamén familiarizarse con esas novas ferramentas tecnolóxicas).
O caso é que os CD-ROM xa van ser distribuídos en breve a través dunha serie de xornadas programadas para toda Galiza e que darán comezo esta semana.
Na imaxe, a presentación do material celebrada este luns en Santiago.
As temáticas destes produtos, que foron realizados en colaboración coa Dirección Xeral de Comercio, a Sociedade do Xacobeo e Caixa Galicia, son as seguintes: Empresa familiar comercial, traspaso e venda e Marketing de vendas. O primeiro farase chegar ós comercios galegos acompañado dun manual e céntrase sobre todo en ofrecer asesoramento para a toma de decisións sobre o presente e futuro dos negocios. O segundo achega coñecementos para unha axeitada comunicación cos clientes: cómo atraelos e conservar ós que xa se teñen.
A Federación Galega de Comercio distribúe dous CD-ROM con guías para unha boa xestión nas empresas
Compartir Este Artigo

