A empresa viguesa de tecnoloxías da información, Krasis, segue a abrir parcelas físicas e virtuais no mercado europeo, logo de converterse na primeira firma do sector que abre sede en Londres, cidade onde nos últimos tempos se está concentrar unha boa cantidade de postos de manobra corporativa de selos procedentes de todo o mundo.
Agora, despois de varios anos de experiencia de formación en liña, Krasis amplía liñas de actividade coa presentación na sede de Microsoft Ibérica en Madrid do seu novo proxecto editorial especializado en tecnoloxía Microsoft, Krasis Press. Coma calquera iniciativa de índole innovadora, esta vai directamente encamiñada a encher un oco.
A diferenza con respecto a outros proxectos é que acó, o movemento anovador consiste nunha certa volta atrás. Dito doutra maneira: Krasis Press xorde para “paliar a falla de información sobre tecnoloxías moi novas e como alternativa á pouca variedade existente en libros especializados”, segundo apunta José Manuel Alarcón, fundador da empresa.
Así, publicar libros especializados sobre tecnoloxía cobra desta volta unha especie de significado especial: certifica, a fin de contas, que a formación en liña non é substitutiva de todos os elementos da presencial e que innovar, ás veces, non consiste só en metérmonos no vieiro novo, senón en aquel polo que cada vez transita menos xente.
Cómpre sinalar que os autores de Krasis Press foron distinguidos co título de MVP (Most Valuable Professional) por Microsoft Corporation, galardón que esta última compañía concede cada ano ós profesionais máis destacados de cada país neste eido.
-Estivestes en Madrid, nas instalacións de Microsoft, presentando un proxecto editorial baseado en tecnoloxía desta multinacional, Krasis Press. Nin nós nin unha boa parte dos nosos lectores estivemos alí, polo que aproveitamos para vos pedir unha crónica do encontro e que nos faledes de en que consiste Krasis Press…
-Pois a verdade é que a presentación foi todo un éxito. Tivo lugar na sede de Microsoft Ibérica, en Madrid, e asistiron moitos colegas, alumnos e xornalistas. Aproveitamos o acto para facer un repaso da historia da compañía dende a nosa creación hai sete anos ata a actualidade, así como da iniciativa campusMVP de formación en liña, a raíz da cal xorde esta editorial. Tamén contamos coa presenza dalgúns dos autores das obras como Octavio Hernández, Unai Zorrilla, Alejandro Mezcua e eu mesmo.
Cómpre salientar que todos os nosos cursos on line son creados e tutelados por MVP (Most Valuable Professional), galardón que a multinacional Microsoft concede cada ano aos profesionais máis destacados de cada país e nós contamos con 12 MVP. Desta maneira, este proxecto xorde para paliar a falla de información sobre tecnoloxías moi novas e como alternativa á pouca variedade existente de libros especializados.
-Onde estarán dispoñibles os produtos de Krasis Press? Na Web (descargables)? Nas librarías?
-Krasis Press é unha editorial tradicional, é dicir, de libros físicos, que conta cunha edición luxosa que reflicte a calidade do interior. Así, os libros estarán dispoñibles tamén nas canles tradicionais: librarías e grandes almacéns. Os lectores interesados poden adquirilos tamén a través da nosa web (www.krasispress.es). Ademais, dende a presentación de Madrid hai dúas semanas, chegamos xa a varios acordos de venda con algunhas revistas de ámbito nacional e páxinas web especializadas para que ofrezan á súa audiencia os nosos libros. É unha vía alternativa que non están a explotar outras editoriais. Finalmente, estamos no proceso de negociación con editoriais internacionais para que os poidan distribuír no estranxeiro, sobre todo en Latinoamérica e EE UU.
-Por que apostades por unha editorial tradicional en papel nos tempos da Rede e dun mercado, o dos libros, que non semella vivir os seus mellores días?
-É certo que os libros de programación véndense cada vez menos, debido sobre todo á facilitade de acceder á información que hai en Internet. Porén, os nosos libros tratan temos específicos dos que decote non é tan doado obter datos de xeito ordenado. Amais diso, a calidade dos nosos autores, se cadra os meirandes expertos nos seus respectivos eidos, céibanos dun hipotético medo a Internet. Por outra banda, os libros son hoxe en día o contrapunto perfecto para os cursos en liña que impartimos con gran éxito dende hai dous anos e xa puidemos ver que os nosos alumnos os valoran e os mercan.
O meirande atranco para a venda é posiblemente a distribución, posto que moitas librarías hoxe en día non queren que lles fagas chegar libros de informática. Podemos entendelo: a xente está farta das obras de introdución a Word e dese tipo de cousas. Pero estamos convencidos de que si hai lugar para volumes especializados como os nosos.
–Como afrontades vós a formación en novas tecnoloxías? Cal é o voso punto de vista? Seriades quen de dicir que, hoxe en día, quen non teña unha formación mínima neste eido é mellor que se despida de abrirse camiño no mercado laboral?
-Nós estamos de acordo totalmente en que saber informática é unha condición sine qua non para acceder ao mercado. Porén, nós ofrecemos formación en novas tecnoloxías, pero nun eido moi especializado. Os nosos cursos e libros non se poden considerar axeitados para achegar esa formación mínima, senón para ir alén diso, para xente que parte duns coñecementos altos. Por outra banda, cremos firmemente na validez da formación en liña como alternativa para manterse actualizado e aprender novas habilidades, e estamos convencidos de que é a preferida para o noso público obxectivo. De feito, a maioría dos nosos alumnos veñen de grandes cidades (Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia…) onde o acceso á formación tradicional é moi sinxelo. Sen embargo, fórmanse con nós, aparte de pola calidade da nosa oferta on line, polas posibilidades de formarse ó seu ritmo, pola flexibilidade e polo aforro de desprazamentos que obteñen.
–Só vos centrades en lanzamentos editoriais vinculados ás novas tecnoloxías ou tamén cubrides outras liñas de actividade, como deseño de software, tradución ou consultoría?
-Os nosos libros céntranse en exclusiva nas últimas tecnoloxías de Microsoft, que poden incluír tamén temas máis xenéricos como por exemplo o dito de deseño de software. Aínda que podemos producir libros doutros temas (incluíndo o marketing, a nosa outra área de actividade), por coherencia, publicámolos con outras editoriais nacionais que non teñan nada que ver connosco.
-Vós xa tendes unha experiencia nisto do labor editorial tecnolóxico. Que nos podedes dicir sobre o que tendes feito ata o de agora (a maiores de Krasis Press) e o que tendes proxectado facer?
-A maioría dos nosos autores colaboran dende fai anos coas principais publicacións de ámbito nacional (PC World, Windows Magazine, dotNetMania, Solo Programadores…) e teñen un longo percorrido no mundo editorial. Eu mesmo son autor de varios libros e máis de 300 artigos especializados nos últimos 11 años. Este coñecemento axudou sen dúbida para o lanzamento do proxecto da editorial. Ademais levamos máis de dous anos co proxecto de formación on line campusMVP (www.campusmvp.com), polo que o paso aos libros como xeito de completar a formación virtual parecía un paso natural abondo.
–Traballar dende Vigo pode representar algún tipo de atranco para afianzarse no mercado tecnolóxico?
-Non necesariamente. Está claro que as oportunidades e os negocios están fóra, sobre todo e cada vez máis en Madrid, se falamos de España ,e tamén hai que estar alí. Pero todo depende moito da mentalidade coa que abordes os proxectos. Nun mundo globalizado como o actual non podes porte a pensar en cómo venderlles aos teus veciños soamente, tes que tratar de chegar o máis lonxe que poidas. En Galicia temos moitos exemplos de empresas globais ou, cando menos, nacionais, que traballan fóra sen ningún problema.
Nós, por exemplo, na outra liña de actividade da empresa, o marketing por e-mail e os servizos relacionados, estamos a loitar a prol da internacionalización. Temos unha oficina en Londres e a páxina específica do noso produto MAILCast está en inglés. Ademais, facemos un blog moi activo, con contidos punteiros sobre o tema, en inglés e en castelán (www.theemailingexperience.com). Xa temos varios clientes estranxeiros (en Europa) e o en 2008 temos intención de medrar neste eido.
A galega Krasis aposta para a formación tecnolóxica en liña por volver á orixe: ós libros
Compartir Este Artigo

