Comentámolo o pasado verán: as fileiras concentradas ás portas das oficinas da Policía Nacional nas cidades galegas convertéronse en longas concentracións de xente (de máis de 50 metros) que empregaba toda unha mañá (ou ben máis de unha) en obter o novo DNI, o DNI electrónico, un documento que precisa de novos procesos de expedición para os que non semellaban estar ó cen por cen preparados as administracións responsables. Esta situación, como era de agardar, estivo a xerar durante os meses pasados unha maré de queixas, en Galiza e en todo o estado: as vantaxes da nova identificación non parecían abondar para compensar tanta demora.
Con todo, semella que se está a facer algo para pórlle remedio á situación. O Valedor do Pobo, figura á que foron remitidas moitas das queixas, dá conta estes días na súa páxina web (aquí, en pdf) das medidas a tomar polo Goberno, entre as que se inclúe un sistema de cita previa telefónica naquelas oficinas onde se expide o eDNI.
O Valedor, Benigno López, informa que esta ferramenta irase habilitando de xeito gradual, “iniciándose con proxectos piloto nalgunhas cidades para quedar todo o territorio cuberto no primeiro trimestre do vindeiro ano, tal e como recolle a resolución publicada no BOE do pasado 20 de novembro e que reflicte a decisión do Consello do Ministros, a petición do Ministerio de Interior, de pór en marcha este servizo de cita previa”.
O Valedor tamén valora positivamente que se inclúa un acceso multicanle por sistemas de atención directa por operadores, recoñecemento de voz e Internet.
O Valedor do Pobo dá conta das medidas para axilizar a tramitación do eDNI
Compartir Este Artigo

