A galega Blusens e Efe veñen de unir forzas para ir un pouquiño máis lonxe na liña de darlle un sentido informativo á tecnoloxía, un contido ou, se queremos, un miolo. Este achegamento das dúas empresas, que se basea -polo tanto- nunha tentativa de evitar que os aparellos que levamos no peto tamén coñecidos como gadgets sexan pouco máis que unha carcasa con luceciñas, ten un nome concreto, Bluefepack, e foi presentado este 18 de decembro no Hotel Meliá Araguaney de Santiago perante medios de comunicación e profesionais galegos de dous sectores que (precisamente) andan a tantear novas canles de diálogo: o tecnolóxico e o informativo.
Bluefepack consiste nun servizo de contidos multimedia (vídeos, imaxes, textos) en exclusiva achegado pola Axencia Efe para os usuarios dos MP4 de Blusens. A proposta inclúe catro bloques temáticos (de cinema, de música, de tendencias e de personaxes) ós que poderemos acceder a través da web bluefepack.es para logo descargalos.
O servizo é dalgunha maneira un deseño do seu tempo: tira partido das posibilidades do multimedia, da interactividade e, amais diso, fica en constante desenvolvemento. Dito doutro xeito: os catro paquetes que están neste intre a disposición dos usuarios son só unha pequena parte dun todo. En breve, como sinalou Miguel Churruca (director de Marketing de Blusens) durante o acto de presentación oficial, será posible descargar máis paquetes e en constante actualización.
Segundo Churruca, o acordo con Efe responde á seguinte pregunta formulada no intre mesmo en que se abría a liña estratéxica dos MP4: “Como poderíamos colocar datos e información e contidos multimedia en dispositivos que, como estes MP4, non están a tempo completo conectados ás redes?”. E proseguiu: “Foi aí cando pensamos en Efe e na súa experiencia achegando estes servizos de información atemporal”.
Segundo os seus responsables, o Bluefepack constitúe unha nova fórmula, no senso de que o dispositivo mesmo dá acceso ó servizo. Así, o usuario pode decidir que tipo de contido lle interesa: (polo de agora) cinema, música, tendencias e personaxes.
Blusens e Efe presentan a súa aposta polo tecnolóxico-informativo: o servizo Bluefepack
Compartir Este Artigo

