Todo método de comunicación novo require o seu proceso de adaptación. Mesmo o móbil, co que hoxe estamos todos familiarizados, houbo un tempo en que resultaba estraño e máis de un (se facemos memoria) chegamos a collelo coma quen colle un aparello chegado de outro planeta. Nesta liña vai tamén a videoconferencia que, alí onde sexa posible levala a cabo (hai que ter un bo acceso á Rede), semella que tamén ten altas posibilidades de revolucionar o noso xeito de dialogar a distancia e mesmo de formarnos. Tendo en conta isto, a Secretaría Xeral de Comunicación vén de poñer en marcha unha campaña didáctica encamiñada a familiarizar ós alumnos e alumnas de secundaria con este sistema de intercambio de datos (son e imaxe de xeito simultáneo).
A iniciativa, chamada A videoconferencia como ferramenta de comunicación, é un paso máis do proxecto Audiovisual nas Aulas, promovido polo dito departamento da Xunta e o Consorcio Audiovisual de Galicia xunto coa Consellería de Educación.
Na campaña, que comezou este martes 18 e que tamén se desenvolverá en xaneiro, están a participar 55 centros. A idea é tirar partido da Rede de Telecentros de Comunicación da Xunta (espallados por todo o noso territorio) para formar ós escolares en tecnoloxías e, a través delas, completar a súa educación noutras materias. Asemade, trátase de que os rapaces vexan estes puntos de conexión como espazos sempre abertos onde se lles vai orientar no afianzamento das novas ferramentas da información na súa vida cotiá.
Rede de Telecentros
A Rede de Telecentros de Comunicación é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, en colaboración cos concellos onde se sitúan.
Actualmente, a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, dispón de telecentros situados nas localidades da Coruña, Abegondo, Boiro, Ribeira, Santa Comba, Santiago, Vedra, Vimianzo, A Fonsagrada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Viveiro, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vigo. Suman un total de 38 aos que se engadirán outros 12 proximamente.
A Secretaría de Comunicación achega a videoconferencia a 55 centros de ensino secundario
Compartir Este Artigo

