Onde hai tecnoloxía e cartos de por medio, semella que sempre haberá alguén tentando ser máis espelido có que desenvolve esa tecnoloxía e có propio titular deses cartos. Isto podémolo ver todos os días nunha conta correo electrónico á que lle deamos moito uso: xente e máis xente petándonos na porta e facéndose pasar por persoal de entidades financeiras para roubarnos os nosos datos (a cousa debeu de dar algún resultado, porque proseguen as tentativas). Os caixeiros automáticos, polo que nos lembra agora Galiciae, tamén levan tras de si o seu ronsel de aproveitados.
Segundo vén de alertar a Policía Nacional, estanse a detectar operacións de alteración neses dispositivos para facerse cos datos das tarxetas que son inseridas neles dende a rúa (o risco está sobre todo nas máquinas exteriores).
A manipulación é a acostumada nestes casos: trátase de engadir un mecanismo alleo ó caixeiro que é quen de rexistrar o código da banda magnética. Este procedemento combínase xeralmente con outros: co da microcámara habilitada sobre o teclado ou coa manipulación directa das teclas.
Sexa como sexa, cómpre emprestar atención a calquera elemento estraño (tecnolóxico, enténdase) que vexamos nos caixeiros ou, para curarnos en saúde, acudir directamente ó interior do banco, onde as posibilidades de alteración son moito menores (hai meirande vixilancia). Con todo, cómpre ter os ollos ben abertos e, en caso de detectar este tipo de manipulacións, dar conta delas á Policía e ás propias entidades financeiras.
A Policía advirte da presenza de dispositivos de roubo de datos en caixeiros de Santiago
Compartir Este Artigo

