Semella que os galegos e galegas lle imos perdendo (paseniño, se cadra máis do que sería desexable) ó feito de solicitar citas médicas no Servizo Galego de Saúde a través da Rede, sendo o medo primordial e máis estendido o de que a petición en liña non teña a mesma validez có das feitas polo método tradicional: falando. O caso é que si que o teñen, e o Sergas vén de achegar unha serie de cifras sobre a cantidade de peticións de cita tramitadas o ano pasado por Internet: 939.184, cantidade que representa un aumento do 62% con respecto o ano anterior en materia de solicitude de encontros médicos, ano no que o número de solicitantes foi de 579.000.
Ou sexa, que se rexistraron 360.000 peticións máis.
Segundo apunta o Sergas, todo isto non fai máis que confirmar o incremento da confianza dos cidadáns nas novas ferramentas dixitais para facer, a través delas, o mesmo que facían antes pero cunha vantaxe dupla: a axilidade do trámite e a eliminación da necesidade de chamar por teléfono ou mesmo desprazarse ós centros de atención.
No que atinxe ás distintas áreas sanitarias, os datos reflicten que as e os pacientes da área sanitaria de Vigo son os que máis empregan esta ferramenta, xa que realizaron máis de 287.000 solicitudes en 2007, fronte ás máis de 184.000 de 2006. Sinalar que a petición de cita en liña está dispoñible para todas as galegas e galegos que dispoñen de tarxeta sanitaria. Para dármonos de alta nestes procedementos temos que acceder ás webs www.galiciasaude.es ou www.sergas.es e encamiñármonos cara ó apartado de Cita de Atención Primaria, onde teremos que achegar os datos da nosa tarxeta e elixir o centro de saúde ó que pertence. Logo, debemos especificar o motivo da solicitude e o día e a hora da consulta requirida.
O Sergas contabilizou un millón de solicitudes de citas médicas pola Rede en 2007
Compartir Este Artigo

