A localización xeográfica vinculada á Rede ábrese camiño. Isto que significa? Pois basicamente que ó internauta, cada vez máis esixente e máis familiarizado coa decodificación de diferentes feituras do comunicativo, gústalle saber o sitio exacto onde acontecen as cousas. Algo así como empregar os mapas coma un compás na maré da información. Amais diso, a xeolocalización a través das tecnoloxías ten amplas posibilidades no turismo, na venda en liña de calquera tipo de produto e, sobre todo, na Administración Electrónica.
Para afondar nisto, o Concello de Brión organiza un curso de balde de catro horas de duración e a desenvolver o martes 19 e o xoves 21 de febreiro, de 20 a 22.00 horas no Centro Social Polivalente.
O alicerce da actividade, na que podemos inscribirnos antes do 25 de xaneiro a través de www.briondixital.org (ou no teléfono 981 509 910), é ofrecer información útil sobre a localización de mapas, rutas, fincas a través de diferentes ferramentas habilitadas na Internet, como Googlemap, Sigpac ou a Oficina Virtual do Catastro. Cómpre sinalar que, amais desta iniciativa, o Concello de Brión promove o quinto módulo do curso de informática de usuario, que desta volta estará dirixido a informar sobre o emprego do programa Internet Explorer.
Na imaxe, xeolocalización de mosteiros galegos en vías de restauración habilitada na web do Consello da Cultura Galega.
Brión acolle en febreiro un curso de balde sobre localización xeográfica na Rede
Compartir Este Artigo

