Non semellan bos tempos para os usuarios de Second Life que tiveran pensado levar a cabo no xogo actividades de tipo bancario. Dende agora e ata novo aviso, darémonos cun canto nos dentes en canto os responsables do mundo virtual, a empresa Linden Labs, ulan intencións de facer negocio con intereses ou tamén con investimentos retribuídos. Segundo informa El Pais, a raizame de todo isto está na bancarrota da entidade financeira Ginko Financial (da que xa temos falado nesta mesma web), feito que, como toda situación de creba desta natureza (semellante ó afundimento dun gran barco) levou consigo todo o que había ó seu arredor, usuarios de Second Life incluídos.
No intre da caída do banco, que operaba no xogo, contabilizáronse perdas por valor de 500.000 euros. Esta e outras razóns moveron ás autoridades do estado norteamericano do que depende Linden a mover ficha. Resultado: prohibida a presenza de máis banqueiros no xogo, medida que afecta a todos os bancos que resistiron ata o de agora en Second Life e ós que se lles pide dende Linden que liquiden a súa actividade antes do 22 de xaneiro.
Cómpre sinalar que este non é o único atranco no camiño do mundo virtual e, de feito, nos últimos tempos se está a poñer en dúbida a súa viabilidade. Un exemplo disto é a publicación dun estudo do que demos conta o pasado mes de outubro e no que se falaba de que posiblemente se estean a rexistrar xa os primeiros intres de esgotamento no eido creado por Linden. Ou sexa: que no fondo, se sintonizamos ben as orellas, poderemos escoitar o rincho case inconfundible do globo inchado de máis e a piques de estoupar.
O mundo virtual Second Life prohibe a participación de banqueiros
Compartir Este Artigo

