Incídese moito das novas tecnoloxías ó servizo dun mellor acceso á información, pero se cadra non se falta tanto dunha das grandes utilidades destes aparellos (computadores, redes, móbiles, PDAs, etc) que constitúen o miolo do dixital e dos programas que lle dan sentido e utilidade. Falamos das vantaxes que poden achegar para o incremento da calidade do traballo médico. Xusto neste eido é onde está a traballar a galega Emetel, que vén de facer reconto do labor levado a cabo no Hospital Juan Cardona de Ferrol, un proxecto encamiñado a mellorar as propias prestacións do complexo a través dunha nova rede de comunicación.
Segundo apunta Emetel, a infraestrutura participa da razón de ser das propias novas tecnoloxías da información: acurta o tempo e a distancia que empregan as nosas palabras en chegar ó receptor, sen renunciar á personalización dos datos. O proxecto, máis no senso técnico, consistiría en poñer en xogo unha PDA e unha rede sen fíos (Wi-Fi) na interrrelación entre médicos e doentes, polo que o facultativo podería recoller a información e transmitila no mesmo intre, axilizando diagnósticos e facéndoos de xeito máis seguro.
Unha das principais consecuencias da posta en marcha deste servizo será a desaparición das follas de consulta, co conseguinte aforro de medios e de esforzos.
Amais disto, a iniciativa ten unha segunda gran finalidade, xa que a tecnoloxía foi desenvolvida tamén para establecer unha conexión remota con radiólogos, “unha das especialidades médicas con menores efectivos na medicina española”, informa Emetel. Deste xeito, contribuiríase a eliminar unha boa parte dos atrancos que tiñan ata o de agora estes especialistas á hora de achegar os seus servizos en distintos hospitais. O investimento destinado a este labor de innovación no dito centro médico ferrolán é duns 103.000 euros, engade Emetel, e faría posible o envío de imaxes ós radiólogos para realizar un telediagnóstico, con independencia de onde se atopen.
O Hospital Juan Cardona de Ferrol dispón PDAs e Wi-Fi nas visitas médicas
Compartir Este Artigo

