
O novo portátil comezarase a vender en febreiro. O seu modelo máis básico contará cun procesador Intel Core 2 Duo a 1,6 GHz, 2 Gb de RAM e disco duro de 80 Gb a 4.200 rpm e custará 1.649 euros, mentres que o equipo a 1,8 GHz, 2 Gb de RAM e disco de memoria sólida de 64 Gb custará 2.798 euros.
Os equipos incluirán conectividade Wi-Fi, Bluetooth, saída de audio analóxica, saída de vídeo micro-DVI e un único porto USB 2.0. Non inclúe unidade óptica, aínda que se pode mercar unha SuperDrive externa. A batería do MacBook Air promete unha autonomía de 5 horas.
Para comprobar a delgadez do novo portátil resulta moi ilustrativo o seu vídeo promocional:
Non convence a todos
O MacBook Air é un portátil cun deseño moi atractivo, de aí que se agardan unhas fortes vendas, pero moitos usuarios non están convencidos cun equipo de prestacións reducidas que só é máis delgado (polo que chegan a adxectivalo coma anoréxico), o que resulta moi práctico para un móbil pero non ten vantaxes para un portátil (pois non se pode meter o peto). Quedan así moitos á espera de que Apple lance un auténtico sub-notebook, ou sexa, un equipo portátil de tamaño reducido, e non que só resulte máis delgado que un MacBook normal.
Comparándoo con outros equipos semellantes de Sony e Toshiba incluso vemos que o de Apple é máis pesado e con menor autonomía. Vemos así coma un equipo coma o Toshiba Portégé R500 pesa só 1,1 Kg, ten disco duro de 160 Gb a 5.400 rpm, 3 portos USB e unha batería de 6 celas que lle dá 8 horas de autonomía, aínda que é un pouco máis caro que o novo portátil de Apple. Queda claro así que o previsible éxito do MacBook Air non responderá a unha superioridade técnica, senón a unha impresionante aparencia.

