A Rede é un paso elevado que os colectivos creados arredor dunha mesma teima, gusto, afección ou dedicación aproveitan para que se lles vexa. É dicir: para que outra persoa coa mesma tendencia os atope. Isto semella aplicable a todo, dende o máis puramente tecnolóxico (redes sociais establecidas arredor de avances tecnolóxicos ou disciplinas de ciencia) ata o menos dixital. Dentro deste último eido, temos os libros antigos ou pezas de coleccionismo editorial, obxectos que, malia a súa natureza (no outro extremo da liña do tecnolóxico) son cada vez máis requiridos nas redes.
Esta demanda é un dos grandes motivos da posta en marcha dun proxecto que aglutinaría os esforzos e os fondos de ata 2.000 anticuarios europeos de libros.
O proxecto, que foi presentado esta mesma semana pola xunta directa da Asociación de Anticuarios por Internet (GIAQ) en Düsseldorf, integra vendedores de libros antigos de España, Holanda, Francia, Italia e Alemaña e achega, en consecuencia, ata 20 millóns de volumes.
Polo tanto, estamos a falar dunha cooperación de tipo privado a nivel europeo que, segundo os seus responsables, vai encamiñada a achegar un novo formato (de renovación, supoñemos) ó proceso de comercialización de pezas de coleccionismo editoriais a través da Rede. A iniciativa, chamada Mare Libri, é basicamente un motor de busca ligado directamente ás bases de datos de cinco portais achegados por cada un dos países que lanzan o proxecto: Antiqbook.com (de Holanda), Livre-Rare-Book.com (de Francia), Prolibri.de (de Alemaña), Uniliber.com (de Italia) e Maremagnum.com (de España).
O portal preséntase en sete linguas e un dos seus obxectivos é ser flexible e afacerse ás necesidades e demandas de cada internauta, sendo o único que se lle require o feito de respectar os libros. Deste xeito, comezando dende abaixo, tanto é posible mercar cun volume de vello de menos de seis euros como (no outro extremo) adquirir unha versión de El Quijote editada en 1750 de 2.500 euros.
Anticuarios de libros de cinco países poñen na Rede 20 millóns de volumes
Compartir Este Artigo

