O mundo é cada vez máis un gran escenario onde pouco do que se fai ou se di fica sen rexistrar. Dito doutro xeito: a privacidade real é practicamente un luxo e o voieurismo tradicional xa apenas ten razón de ser co que achegan as novas tecnoloxías ligadas a certas circunstancias de privilexio. E todo isto coa vantaxe (para os miróns) de non ter que andar de noite polas praias, con gabardina e prismáticos, expostos a unha malleira.
Dun caso de privilexios mal empregados semella que fala precisamente unha nova que reflicte estes días A Voz, a duns empregados de vixilancia do suburbano de Xangai que gravaron a unha parella bicándose con paixón para logo pendurar as imaxes na Rede. As consecuencias, nesta orde: éxito de visitas, fenómeno social e, case simultaneamente, polémica xerada.
No centro do debate, unha vez máis, fica o dereito á privacidade ou, para ser máis precisos, a bicarnos coa nosa parella onde nos pete e sen que teñamos que facer un estudo de campo previo para localizar os equivalentes tecnolóxicos ó devandito equipo tradicional de voieurismo: as cámaras acesas.
O polémico vídeo en YouTube |
O caso é que o vídeo, que dura menos de tres minutos e que se titula Esta moza deséxao de máis, converteuse nun éxito de visitas dende o primeiro día en que apareceu no portal Tudou.com e, con posterioridade, na web YouTube, onde foi visto en 350.000 ocasións. A temática é ben simple: unha parella bicándose. De tantas veces que foi visionado polos internautas e grazas ó traballo destes localizando xeograficamente certos detalles do mesmo, púidose saber que fora gravado pola compañía Xangai Shentong Metro, ou, máis concretamente, polos empregados que fan labores de vixilancia. O caso é que neste intre a parella afectada está a piques de levar o caso perante a xustiza. De feito, xa lle pediron á empresa responsable unha compensación.
Cómpre sinalar que o vídeo tamén está a servir para poñer de manifesto unha situación preocupante: a de milleiros e máis milleiros de cámaras situadas en lugares públicos e privados e manipuladas por persoas que non teñen escrúpulos á hora de empregar as imaxes resultantes (o propio feito de ter as imaxes almacenadas, xa está a ser considerado un ataque á privacidade das persoas). De feito, nas grandes urbes do xigante chinés é habitual atopar cámaras nos vehículos de transporte, nas sedes das institucións, nos centros comerciais e ata nos hospitais.

