Elmuelle Servicios Hosting, empresa tecnolóxica con sede na Pobra do Caramiñal (A Coruña), vén de anunciar un acordo co Centro Empresarial da Construción do Barbanza encamiñado a facer fronte común para traballar a prol do afianzamento das ferramentas da Sociedade da Información no eido empresarial da dita bisbarra. Máis polo miúdo, o acordo (como todo acordo desta índole) achegaría unha serie de vantaxes para os implicados. No caso da propia empresa, o proxecto constituiría un pulo para o seu labor de subministro de servizos baseados nas novas tecnoloxías da información.
No que se refire ó dito Centro Empresarial e dos seus socios, significaría unha oportunidade para entrar de cheo na Sociedade do Coñecemento e no mercado dixital, habilitando espazos na web, servizos avanzados de Internet e plataformas e tendo ó alcance da man todo tipo de material vinculado á informática.
Ademais, informa Elmuelle, as empresas da construción en Barbanza contarían con asesoramento técnico, servizos de mantemento e reparación inmediata e de control da seguridade informática e deseño de páxinas e aloxamento web, entre outras moitas achegas.
O Centro da Construción do Barbanza pon servizos tecnolóxicos avanzados ó alcance dos seus socios
Compartir Este Artigo

