Segundo unha investigación da que dá conta estes días Vieiros, Galiza é sen dúbida unha terra de sombras no afianzamento das redes e do dixital, pero tamén é un país de luces no desenvolvemento individual ou compartido de contidos. O estudo do que se poden extraer estas e outras conclusións sobre a tarefa a medio facer que é a chegada de Galiza á Sociedade do Coñecemento (pasamos case o limiar do porta, pero aínda temos medio corpo fóra) vén da man do enxeñeiro de montes Jorge del Río e leva o seguinte título: Atlas da Fenda Dixital no Estado Español 2007.
De entre todos os datos que achega sobre o nivel de acceso á Rede e as vantaxes que se tiran dela, hai uns cantos que nos tocan de preto de xeito especial. Por exemplo: que posición ocupamos no Estado no tema das redes? Segundo apunta a investigación, damos unha de cal e outra de area, de xeito semellante ás comunidades do terzo noroeste da Península.
Ou sexa, que a nosa baixa concorrencia na Internet vese compensada por uns niveis de actividade participativa alta abonda. Este dato non deixa de ser curioso, e move á reflexión sobre cómo serían as cousas se o número deses internautas con alto coñecemento do que teñen entre mans e das súas posibilidades fose máis alto. Dito doutro xeito: potencial non falta.
No estudo sinálase que o Estado español pódese dividir en dúas áreas máis segundo o nivel de conexión ás novas ferramentas e o emprego que se fai delas. Por unha banda, teríamos o sur, onde se tira partido da Rede como un medio de comunicación. Pola outra, está o nordeste, que en parte semella salientar polo contrario ca nós: a porcentaxe de cidadáns que se conectan é especialmente alto.
En Galiza, segundo os datos do estudo de Jorge del Río, hai a día de hoxe 717.217 galegos e galegas conectados, fronte ós 2.728.772 do censo oficial. Daquela cifra, 438.050 “vive dixitalmente” e, deles, 143.623 pódese considerar creadora de contidos.
Un terzo dos internautas galegos son creadores de contidos
Compartir Este Artigo

