A asociación de consumidores FACUA denuncia nun informe titulado Alerta: descargas en tu móvil que os servizos de contidos para móbiles (os chamados SMS Premium) teñen uns prezos abusivos, publicidade pouco transparente e necesidade dunha regulación específica que garanta a protección dos consumidores. Tamén piden que dende o Instituto Nacional de Consumo, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e as autoridades autonómicas controlen este sector e actúen contra as irregularidades que padecen os consumidores.
FACUA advirte de que a publicidade procura ocultar o elevado importe dos servizos (o que podería vulnerar a Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios, que establece a obriga de indicar o prezo final completo) e os detalles dos mesmos figuran nunha tipografía diminuta, polo que sería necesario que regulasen o tamaño mínimo.
No caso dos servizos de subscrición reparan no feito de que é difícil saber o número máximo de mensaxes que se recibirán cada mes, polo que se descoñece o consumo (que pode chegar ata os 23 euros/mes aínda que non se descargue ningún contido) que se fará ó confirmar a alta.
Dado que para descargar politonos ou vídeos hai que remitir varias mensaxes Premium e facer uso dunha conexión de datos, estiman que unha descarga musical pode custar ata 4,75 euros, mentres que un videoclip pode chegar ós 7,54 euros.
FACUA denuncia os prezos abusivos dos contidos para móbiles
Compartir Este Artigo

