Comezamos a costa arriba deste luns de inverno-primaveral con dúas novas de moita repercusión na Rede, sobre todo porque Internet e os seus recursos (audiovisuais) acáenlle a ambas informacións coma unhas botas de goma. A primeira delas, a do Óscar a Javier Bardem polo seu meritorio traballo en No country for old men, non terá repercusión política e, case con toda probabilidade, non mudará o rumbo da historia, por moito que nos aledemos co actor. Coa segunda, a do vídeo de Sarkozy chamándolle “mamón” a un cidadán, a cousa muda, e aínda que non teña grandes consecuencias no rumbo do país do que provén, Francia, si que certifica dalgún xeito o poder das novas canles para poñer de relevo o ánimo dunha sociedade.
Dito doutro xeito: malia o seu aparente éxito no sentimental, algo non lle vai ben ó presidente do país veciño en materia política, cando son tantos os internautas (Le Parisien rexistrou xa máis de un millón ó longo do domingo e parte do luns) que visitan este tirapuxa cos cidadáns ós que representa e tantos os que non dubidan en cualificalo de triste espectáculo.
O caso é que é os feitos foron rexistrados por un xornalista de Le Parisien no transcurso dunha feira de agricultura en París, cando un home ó que o presidente lle tendeu a man lle lanzou o seguinte: “Non me toques, que me ensuxas”. Sarkozy, sen apenas mudar de expresión (máis ou menos a expresión estándar de calquera político nunha visita pública), lle contestou isto: “Lisca de aí, pobre mamón”.
O vídeo foi pendurado no espazo web do dito xornal, onde se está a converter nun verdadeiro fenómeno mediático. Amais disto, a peza está a converterse na máis requirida -con moita diferenza- en servizos como Youtube e en Dailymotion, e mesmo na rede galega Chuza! está a ser obxecto de debate. Neste senso, os comentarios deixados polos internautas nas webs francesas indican ás claras o que xa moitos sabían: que o presidente vai en caída libre.
O vídeo de Sarkozy insultando a un cidadán xa superou o millón de visitas
Compartir Este Artigo

