Os anuncios son cada vez máis coma vendedores con capacidade de movemento, na liña dos que che perseguen un treito nos centros comerciais e dos que moi dificilmente te libras se non trazas unha estratexia disuasoria (e respectuosa ó mesmo tempo, claro). O caso é que as novas canles dixitais están a darlle azos ós medios de comunicación para poñerlle pés e mesmo asas ós seus anuncios, que representan –a fin de contas- os seus ingresos. Nisto precisamente están a traballar en Estados Unidos cadeas como ABC e os sistemas por fío Cox Communications, que queren solucionar o principal atranco da publicidade nos servizos de vídeo baixo demanda: ó sermos nós os que mandamos no que vemos, tamén temos máis marxe de manobra para fuxir dos spots.
O caso é que ABC e Cox semella que xa saben onde metelos: a través dun servizo de VoD con tecnoloxía que nos impida esquivalos.
O sistema, no que levan a traballar dende hai meses, consiste basicamente en non permitir a función do avance que é propia dos sistemas de gravación dixital (Digital Video Recording) e que lles permite ós usuarios darlle ó rexistrado para diante cando hai un anuncio á vista. A ferramenta non varía as restantes capacidades do vídeo baixo demanda máis avanzado: permítenos ver en calquera intre a serie que queiramos. Pero iso si: roendo a publicidade.
ABC e Cox traballan en novos sistemas para evitar que fuxamos da publicidade
Compartir Este Artigo

