Para a celebración dos pasados comicios electorais foi preciso imprimir máis de 908 millóns de papeletas, o que equivalen a 1.589 toneladas de papel que suporían a tala dunhas 22.246 árbores como mínimo (pois nesta estimación non se contarían as papeletas encargadas directamente polos partidos políticos) o que non parece moi xustificado nos tempos que corren, onde non parece que haxa atrancos reais á implantación do voto electrónico.
En España hai bastantes anos que se realizan experiencias piloto de voto electrónico, e mesmo o voto en papel recibe o apoio tecnolóxico de 11.000 PDA nas mesas electorais para facilitar o envío dos recontos ós centros de recollida de datos.
A situación resulta aínda máis esperpéntica no caso do voto emigrante, xa que as papeletas teñen que percorrer grandes distancia fisicamente, o que se podería evitar con sistemas seguros de voto que nestes comicions nin sequera se probaron.
Todo apunta a que ata que o DNI electrónico estea plenamente instalado entre a poboación vai ser complicado que as iniciativas de voto electrónico prosperen pero, o que moitos xa están a pedir é que, aínda que non se poida votar a través da Internet, se poida exercer o dereito ó sufraxio mediante sistemas máis sinxelos á complicada papeleta do Senado (coa que a moitos votantes teñen problemas).
O proceso que tamén se podería automatizar é o do reconto, pois se poderían empregar papeletas que se puidesen recoñecer opticamente, aínda que supervisión humana en votos dubidosos sería necesaria.
Pero non só España pon reticencias á entrada do voto electrónico, senón que no resto do mundo acontece o mesmo, de xeito que apenas hai países con votacións completamente electrónicas, aínda que se poderían destacar experiencias como a brasileira ou a das últimas primarias nos EE.UU.
O voto electrónico podería ter evitado a tala de máis de 22.000 árbores
Compartir Este Artigo

