A Compañía de Radio Televisión de Galicia está a dar pasos cara a adaptación plena da súa web ós novos tempos da Internet, e cando falamos de “novos tempos” falamos principalmente do seguinte: agora, xa non vale con habilitar un espazo en liña e informar das túas actividades e obxectivos de xeito unilateral e a través dun único sentido, o de ti para os demais. Hoxe, por riba de todo o demais, o que importa é acadar participación activa e diálogo.
O caso é que a CRTVG vén de anunciar novidades neste senso para o seu espazo en liña, que inclúe na feitura un redeseño e no fondo unha serie de servizos destinados á comunidade internauta, como por exemplo foros (cos que a Compañía quere afondar, precisamente, na interacción co cidadán, mesmo dándolle a opción de opinar sobre a grella da cadea ou suxerir trocos).
En termos da CRTVG, do que se trata, en definitiva, é de “reforzar as ligazóns entre a nosa sociedade e os seus medios públicos de comunicación que son a TVG e a Radio Galega”.
Para ir dándolle corpo a esta nova liña, a Compañía xa lanzou unha serie de propostas: debater sobre estreas recentes como Buscando estrelas ou Padre Casares ou sobre a nova programación e contidos musicais da Radio Galega.
Preestreas de discos
No temático, a web da CRTVG semella ir abrindo ocos. Deste xeito, e xa no plano musical, vai servir para presentar en exclusiva e perante a comunidade en liña novos traballos discográficos galegos. Para ir poñéndonos en materia, a Compañía xa subministrou a posibilidade de escoitar o novo traballo de Uxía, que chegará as tendas a mediados de abril e do que se achega un avance a través dos temas As nosas cores e Unha noite na eira do trigo.
Usabilidade
O termo “usabilidade” é tan xenérico e indefinido como semella a primeira vista (algo doado de empregar e que ten unha finalidade clara e útil), pero en termos da Web adoita a servir para definir o sinxelo e o accesible. Deste xeito, o portal permite chegar “de maneira doada” ós servizos máis demandados: televisión e radio en directo e á carta, as novas en vídeo no portal informativo www.agalega.info e as cámaras web. Segundo informa a CRTVG, é de salientar tamén que o buscador posibilita o acceso ós contidos audiovisuais da TVG relacionados co criterio da procura.
O portal tamén informa ao momento sobre o programa ou canción que se está a emitir en directo por TVG, Radio Galega e Radio Galega Música.
Asemade, a web ábrese ó labor publicitario, aínda que polo de agora esta nova estratexia fica limitada a un banner e a un roubapáxinas. Por certo que na cuestión das visitas, o portal xira arredor dunha media de 22.050 diarias, ás que temos que engadir unha taxa de 3.121 por xornada ó sitio agalega.info.
Tecnoloxía
O remodelado portal de CRTVG constitúe tamén un novo chanzo cara á estandarización recomendada pola W3C (World Wide Web Consortium). A xuízo da Compañía, o que se procura é acadar unha web semántica (Web 3.0) “onde a información e a forma de presentala estean claramente separadas”.
Con esta finalidade, apostouse por un deseño en XHTML 1.0 transicional. Esta tecnoloxía céntrase só na achega da información que contén un documento, deixando para as follas de estilo (por exemplo as css) e o JavaScript a súa feitura en diferentes soportes (ordenadores, PDAs, móbiles ou impresoras).
A CRTVG renova a súa web na procura da opinión directa dos internautas
Compartir Este Artigo

