Anuncio de Virgin MobileA polémica do ex-gobernador Eliot Spitzer continúa a dar moito xogo na Internet, e o Cliente nº 9 aparece agora tamén nunha campaña publicitaria da operadora Virgin Mobile en Canadá na que se anima a contratar os seus servizos a usuarios «cansos de ser tratados coma un número». O anuncio sairá en 2 xornais de Toronto durante esta semana, pero xa está a ter repercusión mundial (semellante ós anuncios de Ryanair nos que se empregaba a imaxe de Nicolas Sarkozy). Fotografía de Ashley Alexandra Dupre publicada en AmieStreet.comPero a auténtica estrela deste escándalo parece que será unha das mozas das que contratara os seus servizos Spitzer (a 1.000 dólares a noite), alcumada Kristen, e da que se deu a coñecer o seu nome real e o seu perfil en MySpace. Resulta que Ashley Alexandra Dupre pretende dedicarse ó mundo da canción, e en MySpace se podía escoitar o seu primeiro tema, que se podía mercar na tenda virtual Amie Street por 0,98 dólares, e que se está a converter no tema máis vendido en tal web, de aí que incorporen unha segunda canción da artista que máis espectación está a crear nos EE.UU. Aproveitando o tirón da moza de 22 anos en MySpace tamén houbo unha incidencia o pasado xoves, pois o perfil da artista desapareceu accidentalmente da web e foi ocupado por un tal Johnny, que aproveitou o colapso do espazo que estaba a ser visitado por millóns de usuarios para crear un novo perfil de MySpace baixo o seu mesmo enderezo, o que foi arranxado polos responsables do servizo, que advertiron que tales prácticas violaban as súas normas. Estariamos ante un caso de incidencia técnica que se aproveita para facer unha broma.