Os seareiros de Madonna que ademais sexan clientes de Vodafone semella que están de sorte. Segundo vén de informar a operadora, os usuarios dos seus dispositivos móbiles poderán ter nos seus aparellos as cancións do novo traballo discográfico (Hard Candy) da cantante ata oito días antes có resto dos seus fans. A achega dos temas, posible por un acordo con Warner Music, será progresiva: comezará a partir do 21 de abril, cunha canción por xornada a través de Vodafone Music Player.
Asemade, ofrecerase a través de Vodafone Live! todo tipo de material multimedia vinculado a este novo traballo da cantante, incluída a retransmisión vía teléfono móbil do concerto de presentación de Hard Candy -unha vez máis en exclusiva para os clientes da operadora- que terá lugar en París o vindeiro 6 de maio.
O novo disco de Madonna está a ser noticia estes días na Rede por diversos motivos, e non todos eles vinculados directamente ó musical. Hai uns días, a portada converteuse no centro de atención dos internautas por unha circunstancia que de maneira invariable acompaña ás estreas da cantante: a polémica. Desta volta, o interese mediático veu dado polas mensaxes máis ou menos subliminais que se poden rastrexar na portada (Madonna aparece co cinto da vitoria dos loitares e cunha actitude que ten un aquel de provocación sexual). O lanzamento do disco está previsto para o 29 de abril.
Vodafone achegará ós seus clientes o novo disco de Madonna oito días antes da súa estrea
Compartir Este Artigo

