Adolfo Domínguez segue a apostar por tecnoloxía de aquí para o seu presente e futuro no mercado. Se hai unhas semanas anunciaba o seu compromiso con Emetel para que esta deseñase a súa rede de comunicacións, agora é a quenda doutra compañía galega, eLaboro, a quen xa lle encargou a implantación do software de xestión de produtos PMWeb. En termos da propia firma eLaboro (con sede en Santiago), o sistema –propiedade da multinacional Lectra- posibilita o control polo miúdo da creación e fabricación de prendas, “así como a integración dos distintos departamentos implicados”.
A firma santiaguesa, quen foi plana na nosa web por ter desenvolvido unha plataforma para simplificar os procesos internos e externos dos corpos policiais, sinala que un dos principais obxectivos da implantación do dito software en Adolfo Domínguez é unificar a información de xeito que sexa máis doado acceder a ela (poderá facerse en tempo real e sen necesidade de estar nas instalacións da empresa), interpretala e mesmo preservala.
Máis polo miúdo, a PMWeb é un software que axiliza a colaboración entre as diversas áreas que actúan na produción téxtil, achegándolles ás empresas do sector o control sobre custos e tempos de elaboración. “A través deste sistema”, prosegue eLaboro, “centralízase a información de produtos e o coñecemento dos expertos e creativos da empresa”.
A galega eLaboro achégalle a Adolfo Domínguez un innovador software de xestión
Compartir Este Artigo

