
Así opinou hoxe Guillermo de la Dehesa (presidente do Centre for Economic Policy Research), quen acudiu xunto con Felipe Serrano (catedrático de Economía Aplicada na Univ. do País Vasco) á sede do Consello da Cultura Galega para botar luz sobre o que representará a nosa terra na era global.
Ámbolos dous investigadores, que están estes días en Santiago con motivo do foro Galicia na Sociedade do Coñecemento, coincidiron nisto: o tempo das redes vai deixar no foxo a unha serie de países. E, de entre todos eles, os que máis levan as de perder son os de sempre: África, América Latina e unha boa parte de Asia. Asemade, haberá caídos ata na sociedade do progreso: os traballadores de baixa cualificación, que non son nin serán quen de afacerse ás novas tecnoloxías e ó ritmo que impoñen.
Guillermo de la Dehesa, quen interveu a primeira hora deste venres 4 (as sesións do foro seguen ó longo de todo o día e complétanse á tarde coa concorrencia de Fernando Pérez González e José Luis Fernández Carnero), baseou unha boa parte do seu relatorio en ver ata que punto está preparada a nosa terra para asumir os retos da era do dixital. Ó seu xuízo, contamos cun bo precedente: a emigración á América cando aquela precisaba de man de obra. A Sociedade da Información (dada pola facilidade no transporte de bens e de ideas dende calquera recanto do mundo) é ó seu parecer unha nova boa oportunidade, xa que Galiza ten ampla experiencia en abrise ó mundo a través do mar.
Con todo, isto non abonda. É preciso en boa medida seguir o modelo irlandés (como sinalamos hai semanas nesta web), apostando máis polas infraestruturas da información e por un capital humano mellor preparado, agora que xa quedou demostrado que apostar polas infraestruturas físicas non é suficiente. Amais disto, sinalou de la Dehesa, cómpre acadar máis produtividade ca nos países cos que se compite, non só especializándose en aquilo no que se ten unha vantaxe comparativa, senón tamén sendo máis produtivos. Este é, ó seu xuízo, o principal reto para Galiza.
Mais, como se conseguen estes maiores niveis de produtividade necesarios para tirar partido da Sociedade do Coñecemento e da era global? Segundo de la Dehesa, lógranse por medio tres canles principais:
1. Aglomeración. A máis densidade de poboación, máis produtividade, ó haber menos custo e máis rapidez na transmisión do coñecemento. Este é un dos puntos nos que máis sobresae a nosa terra, xa que pasou de ser nas últimas décadas un país rural e disperso a ter un relativamente forte tecido social e económico na costa e, sobre todo, arredor das cidades de Vigo e A Coruña. Ó seu xuízo, hai unhas décadas as posibilidades do país en materia de desenvolvemento eran absolutamente nulas. A aglomeración, ademais disto, non só se está a dar en termos poboacionais, senón tamén empresariais. Un exemplo do proceso no sector económico é o que vén de acontecer co recentemente creado Clúster TIC, que aglutina firmas do eido tecnolóxico e de Internet co fin de facer fronte común fronte á competencia.
2. Amoreamento de capital físico. Infraestruturas como estradas ou altas tecnoloxías, bens de equipo. Neste senso, a situación é mellorable. Porén, de la Dehesa augúralle a Galiza un bo futuro a curto e medio prazo, dados os altos investimentos en xogo.
3. Máis capital humano. Seguindo o ronsel de Irlanda, país ata hai ben pouco semellante ó noso e agora o segundo máis rico da Unión Europea, en boa parte grazas a aposta polo dixital e pola formación. O coñecemento, sostén Guillermo de la Dehesa, xoga aquí un gran papel: “O coñecemento e as ideas non son rivais e podemos transmitilas cun custo case inexistente e achegando, polo tanto, un nivel moi importante de produtividade”.
Sexa como sexa, é precisa no noso país unha aposta máis clara nos estudos superiores e na alta cualificación, que é menor agora ó da media española. Para o investigador do CEPR, tamén é necesario corrixir determinadas prácticas, como por exemplo a posta en marcha indiscriminada dunha bo número de parques tecnolóxicos nos que non só non se inviste en novas tecnoloxías senón que nin sequera se dá acubillo a firmas técnicas. Ó seu xuízo, só serían necesarios tres parques, preto das tres universidades, ligados a elas por unha estrada de coñecemento e formación de dous sentidos.
Que é a globalización económica?
Para o investigador e catedrático Felipe Serrano, a globalización económica non é tan global. En certa maneira, pode ser entendida como o proceso onde as relacións de tipo económico se intensifican e gañan en complexidade, habendo unha eliminación das barreiras arancelarias e dos controis financeiros para os investidores internacionais. Con todo, a globalización ten outro compoñente fundamental, en moitas ocasións xerador de problemas sociais e dunha menor calidade de vida, e que non é outro que a emigración.
Ó seu xuízo, a globalización nin é nova (xa houbo un proceso semellante entre 1875 e a Primeira Guerra Mundial) nin abrangue a todos por igual (beneficia a uns cantos e deixa a outros moitos no vagón de cola). Porén, o proceso de hoxe ten características propias: a súa velocidade (unha liña sorprendentemente ascendente na gráfica) e a intensidade de movementos financeiros (ata dende os países emerxentes ós ricos).
Con todo, sinalou Serrano, a globalización segue a ser unha “cousa de poucos”. Así, o 73% das exportacións teñen como destino ós países desenvolvidos, que son os que son quen de cortar case todo o pastel do comercio exterior. Cos fluxos financeiros, sinalou, a situación agrávase aínda máis. Neste panorama, engadiu, África xa non existe para a economía mundial e América Latina está a piques de facelo. E nos países máis ricos, hai xa grandes franxas de poboación que tamén saen perdendo: as de baixa cualificación.
As bazas e os atrancos (moitos) de Galiza na Sociedade da Información, a debate no CCG
Compartir Este Artigo

