O importante do coñecemento non é telo ó teu alcance, senón poder separar o gran da palla e, tamén, recuperalo cando é preciso cun mínimo de tempo e esforzo. É nesta liña de tirar partido real da información onde se sitúa un novo proxecto da Consellería de Innovación que, contando cun orzamento de 265.000 euros para o seu desenvolvemento e posta en marcha ó longo de 2008, vai encamiñado “ó reemprego da información xerada no sector público”.
A ferramenta, proxectada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial (pertencente a Innovación), vén ligada nun principio á xestión dos datos xerados pola dita entidade. Con todo, a idea é aplicar o proxecto ó coñecemento xurdido dentro da Consellería. O proxecto xurde directamente dunha práctica afianzada xa en diferentes organismos públicos galegos: a de poñer os documentos que xeran a disposición da cidadanía en formatos dixitais.
Porén, sinala a Consellería, é preciso subir un novo chanzo, facendo todo o posible para que eses soportes dixitais de todo tipo e temática sexan realmente útiles dende o punto de vista económico e social, eido que “tende a desaproveitarse ó non se producir unha reutilización efectiva da mesma, situación que se aprecia de forma xeralizada en toda Europa”, advirte nun comunicado o departamento que dirixe Fernando Blanco (na imaxe).
Innovación pon en marcha unha ferramenta para tirar partido social e económico do coñecemento que xera
Compartir Este Artigo

