Clima de confianza e valores abertos de cooperación. Hai máis ingredientes, pero sen estes cos que abrimos non se podería ter posto en marcha a plataforma TIC Vindeira, integrada por empresas do sector tecnolóxico da nosa terra. O proxecto está estes días a dar pasos no vieiro do recoñecemento ós seus froitos, como nos conta nesta entrevista Enrique de Miguel Ilarri, director de Excelencia Software e coordinador do grupo de firmas TIC de Vindeira. Segundo informa, a facción deste grupo que integra Excelencia participará en xuño (do 10 ó 13) no SEPG 2008 de Múnic presentando a súa experiencia no eido de cooperación e os seus proxectos de I+D en grupo.
Ó xuízo de De Miguel, estes proxectos amosan que buscando unha linguaxe común é posible situar ás nosas empresas na vangarda da calidade. Ó seu ver, hai potencial. De feito, explica, Galicia é dende o punto de vista da innovación tecnolóxica un espazo ben privilexiado, só que aínda non somos moi conscientes diso. Se imos a bo porto ou non, depende de nós mesmos.
Sinalar que o SEPF é un prestixioso encontro anual europeo que centra gran parte do seu programa en atopar novos vieiros para a mellora do software e dos seus procesos de creación.
E todo iso apostando polos ditos avais CMMi.
-Di un lector do blog do proxecto Excelencia Software que en Galiza temos sobrada capacidade para facer tecnoloxía, nin mellor nin peor có resto. Que opinas disto? Haberá algo no que si que podamos ser mellores e máis competitivos referente ás TIC?
-Aínda que ás veces non sexamos conscientes de elo, no eido das novas tecnoloxías somos unha rexión cunhas condicións privilexiadas. A partir de aí, o que aconteza depende sobre todo de nós mesmos. Galicia dispón de escolas de enxeñería que xeran anualmente capital humano que nutre de coñecemento empresas multinacionais fóra da nosa terra. Temos centros, grupos de investigación e investigadores recoñecidos fóra de Galicia e que moitas veces descoñecemos. E finalmente, somos unha cultura emprendedora e temos no noso territorio un conxunto de empresas tecnolóxicas propias, case todas elas moi pequenas, que se foron especializando con moito esforzo ó longo dos anos e que loitan por innovar e competir nos contornos máis esixentes.
–O camiño a seguir é polo tanto un camiño de cooperación…
-En efecto, se logramos crear entre nós alianzas que nos permitan combinar todos estes factores e obter a masa crítica precisa para abordar xuntos proxectos de I+D+i máis ambiciosos, sen dúbida algunha poderemos crear tecnoloxía especialmente competitiva a nivel internacional e, en resposta á túa pregunta, rotundamente si que podemos ser máis innovadores e competitivos nos espazos de mercado nos que estamos especializados.
Nese senso, algunhas cousas están a mudar. Hai máis dun ano e medio creouse Vindeira (www.vindeira.org), que é o foro creado polas empresas e institucións do sector TIC galego para representar os intereses ligados á I+D+i do sector TIC en Galicia. Con esta iniciativa, logramos entre todos crear o foro de traballo onde podemos participar todas e cada unha das empresas galegas, asociacións empresariais TIC, universidades e recursos tecnolóxicos galegos como o CESGA, Gradiant (Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións) ou o futuro Centro Tecnolóxico do Desenvolvemento, para procurar este obxectivo xunto á propia Xunta de Galicia.
–Brevemente, o grupo Excelencia Software como xurdiu?
-É un proxecto nado en abril de 2007 dentro de Vindeira, concretamente dentro do grupo de traballo Tecnolóxias Informáticas de Base (TIB). De feito, xorde promovido polas propias empresas galegas que formamos parte do grupo, como medida estrutural que nos permita nun futuro próximo crear de xeito conxunto e en rede produtos tecnolóxicos software de calidade. Podedes ver máis información do proxecto no blog www.excelentesoft.blogspot.com.
–A que vos dedicades exactamente. Sabemos que tendes creación de software entre mans, pero de que tipo e para quen?
-O obxectivo de Excelencia Software é unificar os nosos procesos software mediante a aplicación das mellores prácticas e a innovación no ámbito da enxeñería de software, de xeito que teñamos unha linguaxe común entre as empresas que nos permita sermos máis competitivos e desenvolver software de maneira conxunta. Ademais, procuramos estandarizar os nosos procesos baixo o modelo de procesos internacional CMMi ou Spice, o que fará máis doada a procura de socios e clientes a nivel internacional.
–En que se basea o voso réxime de cooperación? Cada unha das empresas traballa nunha parte da cadea na que está especializada ou atendedes todas á vez á cadea de produción?
-A colaboración no noso grupo de traballo apóiase basicamente no clima de confianza e nos valores abertos de cooperación cos que se creou o grupo por parte das propias empresas. Estas están especializadas no seu particular nicho de coñecemento e de mercado, co que o proxecto favorece a posta en marcha de alianzas e oportunidades de negocio. Hai especialistas en tecnoloxías da fala, sistemas de información para a administración pública, contornos sanitarios, mobilidade, software libre, servizos TI, televisión dixital… Con todo, gustaríame salientar que realmente calquera empresa galega que teña o interese en innovar ou facer I+D en enxeñería de software ten as portas abertas.
-Para que se entenda, que son os modelos CMMi dos que falades nos vosos proxectos?
-CMMi é un modelo de procesos que recolle as mellores prácticas de enxeñería de software que definiu no seu intre o departamento de Defensa de USA para elixir ós seus provedores de programas. Con respecto a CMMi, o proxecto orienta ás empresas do noso grupo cara ó nivel 3 de madurez do dito modelo. A nivel internacional, actualmente o grao de madurez do modelo CMMi é a etiqueta que se emprega para elixir socios e provedores nos grandes proxectos de desenvolvemento de software.
–Que tendes proxecto amosar en Múnic, no congreso SEPG? Que expectativas tendes con respecto a esta participación?
-É unha oportunidade única para potenciar a marca de Galicia como lugar onde existen empresas competitivas no eido do desenvolvemento e enxeñería de software. O obxectivo é presentar a Vindeira, ó grupo de empresas TIB e difundir os resultados e as actividades do noso proxecto.
-Que representa SEPG dentro do sector das novas tecnoloxías a nivel europeo?
-O SEPG é un evento anual recoñecido a nivel mundial pola industria con respecto á calidade do software e ó modelo CMMi. Está organizado polo SEI e pola Carnegie Mellon University, que son os promotores do modelo CMMi.
–Que empresas e entidades están integradas en Excelencia Software? Estarán todas en Múnic?
-No evento SEPG estaremos representadas as empresas galegas 2Mares, Aldaba, Altia, Bahia, Igalia, Imaxin, LambdaStream, SatData, Shylex e as institucións CESGA e IIT da USC. No proxecto estamos 15 empresas e o grupo TIB está formado actualmente por 26 empresas e grupos de investigación.
–Cara a onde se dirixe o voso proxecto? Ten data de finalización ou considerades que é preciso seguir colaborando en mancomún a medio e longo prazo?
-Estamos estes días lanzando o proxecto Excelencia Soft 2009, onde se teñen incorporado novas empresas de cara á segunda parte da iniciativa. O obxectivo do grupo é de longo percorrido e agardamos que ano tras ano haxa máis empresas ó noso carón. Podemos dicir que a finalidade última do proxecto é a da propia plataforma Vindeira, pero no eido software: “Favorecer a mellora da competitividade das empresas galegas do sector co obxectivo de constituír un sector TIC consolidado cunha masa crítica de empresas orientada á creación de produtos tecnolóxicos con vocación internacional e que permitan situar á industria TIC de Galicia como un referente recoñecido a nivel europeo (documento Visión 2014).
Soa moi ambicioso pero, como dicía Leonardo DaVinci, “é mellor apuntar alto e trabucarte, que apuntar baixo e acertar”.
Excelencia Software anima ás empresas galegas a buscar unha linguaxe común para competir no mundo
Compartir Este Artigo

