O bo da Rede é que traballa as 24 horas. E ademais, non é preciso viaxar para botar man do que hai nela. Estes son algúns dos alicerces do programa que está a preparar a Tecnópole en materia de asesorar ós emprendedores galegos. A iniciativa, que estará en activo a partir do 5 de maio, consiste nunha achega de formación e asesoramento personalizado para a realización dun plan de negocio. O programa é de balde, está dirixido á favorecer a creación de empresas facilitando o camiño e está impulsado pola Tecnópole.
A proposta, na que vai participar amplamente a Escola de Negocios EOI (unha das de maior renome na dirección de negocios a nivel español), ficará co prazo de inscrición aberto ata este venres 25 de abril, pudendo facerse toda a achega de datos a través da páxina web do Parque.
Segundo informa este, malia que o programa está aberto a futuros empresarios de calquera eido, o curso está encamiñado sobre todo a ideas de negocio de base tecnolóxica. Durante 18 semanas, os seus promotores terán acceso a 280 horas lectivas en liña e a outras 160 horas de titorías. A formación baséase en conceptos prácticos e na atención individualizada a cada un dos emprendedores.
O que distingue este proxecto de outros de semellante índole é que ofrece apoio non remata unha vez rematado o plan de negocio, senón que prosegue logo coa difícil tarefa da consolidación da empresa no mercado, informa o complexo empresarial de Ourense.
A Tecnópole ofrecerá de balde un curso en liña para axudar a crear empresas
Compartir Este Artigo

