Non só a industria da música está a buscar novos xeitos de chegar ós consumidores e/ou seareiros, senón tamén a creación literaria, o deseño e mesmo o cinema. Tendo en conta isto, que todo se fai dun día para outro e que non hai nada definitivo, case cae de caixón que nunha mesma empresa haxa persoal que vexa á Rede coma a fin de todo negocio posible e outra coma o aire que entra nunha habitación pechada. A esta última caste pertence o produtor de cinema Deepah Nayar, ex director de Fox Television e agora máximo responsable de Filmaka, un estudo de cinema con base en Nova York e dirixido ós internautas do mundo que agarden por unha oportunidade para dirixir un proxecto cinematográfico.
A iniciativa, que está agora na seu round final, non é exactamente nova. En realidade, ten tras de si un intenso ano de probas, ensaios e tanteos, acompañándose todo cunha intensiva política de fichaxes de cineastas xa recoñecidos, a xeito de padriños e, tamén, de integrantes do xurado que decidirá quen lle dá corpo ou non ó seu proxecto.
O funcionamento da páxina é simple: trátase de recibir curtas de vídeos de todo o mundo que logo son olladas con lupa por artistas de renome como John Madden, Wim Wenders, Neil LaButte ou Paul Schrader. A cousa, polo que se conta, está xa madura, e está previsto que se dea a coñecer ó gañador do concurso –ou sexa: o novo director- nos vindeiros días. O feito de participar neste certame, amais de permitirnos dirixir o noso proxecto (se gañamos), tamén nos abrirá algunha que outra porta en Hollywood, concretamente a da Axencia William Morris.
Até o de agora, Filmaka xa ten entre mans vídeos de 3.600 aspirantes a directores de 95 países distintos. A idea do responsable do proxecto, amais de coidar da súa conta corrente, é fortalecer a Rede como unha nova canle de contacto entre talentos e produtores e sen que sexa preciso investir grandes cantidades de cartos. A fin de contas, unha empresa que equipa un estudo de cinema en liña pode estar segura de que a prospección na procura do talento será como mínimo un pouco máis fonda e, sobre todo, máis barata.
Filmaka, a web de procura de talentos do cinema, entra na recta final
Compartir Este Artigo

