A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (Eganet) vén de poñer de relevo o seu “desacordo” coa convocatoria de axudas publicadas polas cámaras de comercio, industria e navegación e máis concretamente as que veñen incluídas no programa Maspyme. Deste xeito, a entidade galega do sector TIC fíxolles chegar nunha misiva o seu malestar ás cámaras da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Tui, Vigo e Vilagarcía, así como á Cámara de España e ao Consello Superior de Cámaras.
Nesta carta, asinada pola presidenta da asociación (Beatriz Legeren, na imaxe), Eganet critica as achegas de Maspyme, dirixidas a facilitarlles ás empresas o acceso á Rede mediante a posta en marcha dunha web e o deseño dunha plataforma para distribuír os seus produtos grazas á Internet.
Para Eganet, esta actividade non só é “competencia desleal” (polo que ten de “intromisión” no mercado das empresas que representa, sinala) senón que (engade) inclúe unha serie de servizos que non cumpren profesionalidade abonda.
A iniciativa que critica Eganet, concretamente o programa Maspyme, representa asemade (a xuízo da asociación empresarial TIC) unha “discriminación” cos seus membros, “xa que as empresas que constitúen Eganet teñen a obriga de pagar as cotas das cámaras de comercio, pero se lles impide a participación no proxecto”.
Na misiva enviada, Eganet pídelles aos responsables das cámaras a eliminación do programa ou a aplicación dos cambios que garantan a concorrencia competitiva e un troco das bases que inclúan a posibilidade da “realización de web por niveis de complexidade e con adecuación ás necesidades propias de cada proxecto empresarial”.
Eganet pide ás cámaras de comercio que supriman ou modifiquen o programa Maspyme
Compartir Este Artigo

