En materia de información e de respecto pola cultura e as falas, o que se fai en Internet non semella en ocasións moita mellora con respecto ós métodos máis tradicionais. Que unha empresa que asegura dar servizo a 1 millón de cidadáns de Galiza non empregue o galego na comunicación pola Internet ou na atención directa ao cliente é unha estratexia de marketing que non se ensina aínda ningunha escola, e con toda seguridade é mellor así.
Segundo a CiberIrmandade da Fala, este é o proceder de Audasa e de Autoestradas de Galicia, ambas firmas pertencentes a Sacyr Vallehermoso e ambas responsables da construción, mantemento e explotación das autoestradas construídas en Galiza dende 1975 (na imaxe, a AP-9).
Para o dito colectivo, o feito de ter obtido grandes beneficios coas devanditas infraestruturas debería ir parello á presenza e fomento do galego na Rede, e non ó revés. Con este motivo e como de costume, a CiberIrmandade convida á comunidade galega de internautas a cumprimentar e enviar un prego onde se lle pide á Audasa que aposte pola nosa lingua a través das novas tecnoloxías da información.
A CiberIrmandade pídelle a Audasa máis respecto polo galego na súa web
Compartir Este Artigo

