AIMEN vén de pór ó servizo da industria galega o seu Observatorio Tecnolóxico da Soldadura, con todas as vantaxes de achega de información en liña e vixilancia que iso implica. A idea do dito centro de investigación, que oficializou onte a apertura da dita ferramenta (OBTESOL) cun encontro na Tecnópole, é ofrecer un proceso constante de peneirado da información de valía para o sector industrial, aquela que de verdade ten importancia para incrementar a competitividade.
O Observatorio, que avalía polo miúdo as tendencias do mercado e a evolución da tecnoloxía, captura coñecemento “útil” de moitas fontes para logo penduralo na Web á vista dos internautas ou enviarllo de xeito directivo vía correo electrónico de alertas. O seu funcionamento, salvando as distancias, é semellante ó das webs 2.0 que separan o gran do palla para que a información non acabe por ser como unha gran morea de folletos publicitarios.
O acto da Tecnópole estivo inaugurado por Alberto Martínez Pintos, da delegación tecnolóxica de AIMEN en Ourense, e a presentación do Observatorio correu a cargo de Francisco Javier Barreiro Barros, técnico da Unidade de Vixilancia Tecnolóxica de AIMEN, quen salientou que “a través do OBTESOL as empresas industriais antes de acometer un novo proxecto de I+D+i poderán coñecer de primeira man o que se fixo ata o de agora, o que fixeron os seus competidores, revisar as patentes, documentación e artigos existentes ao respecto e recibir asesoramento profesional da tecnoloxía que podería empregar en cada caso”.
O sector industrial galego conta cun novo observatorio de vixilancia web: OBTESOL
Compartir Este Artigo

