A webApadrinaunartista.com que dende a súa creación en outubro do pasado ano deulle a volta á “tortilla das discográficas” para volver a poñer de moda a práctica do mecenazgo, vén de confirmar as nosas sospeitas (que fixemos públicas en canto soubemos da súa existencia) de que sería un bo proxecto cun aquel de futuro e que abría camiños.
Apadrinaunartista.com non só conta actualmente con máis de 250.000 dólares en orzamentos para os grupos apadriñados senón que xa chamou a atención de máis de 4.000 investidores en todo o mundo que apostan forte polo novo concepto do DISCO 2.0.
Por se non fose unha boa nova ver como un proxecto destas características gaña terreo a pasos axigantados nun mercado dominado pola arela de non perder un euro en todo o seu esplendor, puidemos comprobar que o ranking español das bandas máis apadriñadas está encabezado pola galega Lap a Rush, unha banda de rock liderada polo ex batería dos Suaves, Carlos Costoya, que xa conta con máis de 16.000 dólares de financiamento para o seu proxecto musical e máis de 200 investidores privados que confían na súa música.
O sistema de financiamento levado a cabo nesta plataforma é moi doado: os artistas expoñen os seus traballos e os padriños poden investir neles apoiándoos para gravar e lanzar o seu disco. Cada disco divídese en 5.000 partes de 10 dólares e póñense á venda. Cando se venden tódalas participacións, entón os apoios acadan os 50.000 dólares, o artista grava e o padriño, amais de recibir unha copia exclusiva por cada participación adquirida, convértese en socio beneficiándose dos ingresos que se xeren polas vendas do disco.
Lap a Rush xa é unha das bandas que esperta máis interese no panorama musical español e, en palabras dos responsables da plataforma (que se basean no sistema de testeo de mercado que usan), “vai camiño de converterse na segunda das bandas máis importante de rock que lance o seu traballo discográfico grazas ó apoio dos seus fans”.
Os responsables da Web consideran, asemade, que dada a evolución das inversións, “é moi probable que nos vindeiros 3 ou 4 meses a banda teña acadada a meta dos 50.000 dólares”, polo que cabería agardar que o novo disco de Lap a Rash saia ó mercado antes de finais de ano con 5.000 copias prevendidas.
A galega Lap a Rush lidera o ranking das máis votadas en Apadrinaunartista.com
Compartir Este Artigo

