O Día das Letras 2008 vai dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez, nado en Tui o 4 de febreiro de 1915, mestre e escritor coñecido en boa medida pola súa novela En el pueblo hay caras nuevas (finalista do primeiro Premio Nadal) pero sobre todo pola súa obra poética, ben representada por Canle segredo, considerada pola crítica como un dos seus fitos, e que non foi publicada na nosa terra ata 1976. Álvarez Blázquez, que foi libreiro e editor (a través do selo Monterrey), tivo moitas ocupacións ó longo da súa vida, un bo número delas directamente vinculadas á defensa e preservación da nosa cultura: escritor, investigador, articulista, orador, historiador ou arqueólogo. Morreu en Vigo en 1985.
Sobre o autor de Tui que é o obxecto este ano da celebración das nosas Letras podemos atopar un bo feixe de información a día de hoxe na Rede.
Amais do que ofrece a web Máis Internet Máis Galego da Consellería de Innovación, podemos visitar estas ligazóns que citamos de contado.
· 17demaio.org. A web habilitada pola Consellería de Cultura para achegar datos sobre Xosé María Álvarez Blázquez. Como vén sendo costume cos autores recoñecidos noutros anos, a información é completa: inclúese unha cronobiografía (a súa biografía con imaxes, ano por ano e fito por fito), unha galería de imaxes, a historia do apelido Álvarez ó longo do tempo (moi ligado á defensa da nosa cultura), o contexto histórico no que transcorreu a vida do autor homenaxeado, os seus libros na rede (información bibliográfico) e unha serie de apartados sobre as súas diferentes ocupacións (editor, articulista, escritor e arqueólogo). Tamén se inclúe unha axenda de actos que ben pode sernos de utilidade se queremos participar nalgunha das moitas actividades de festexo.
· Galipedia. A Wikipedia galega, a Galipedia, é outro gran foco de coñecemento en liña sobre a figura de Álvarez Blázquez. Hai datos abondo sobre a vida e a obra do autor e, ademais, ofrécense listaxes sobre a súa produción poética e narrativa, ordenada de xeito cronolóxico. Tamén se inclúen relacións de premios, obra dramática, ensaio.
· O sitio da RAG. A páxina da Real Academia Galega achega estes días unha interesante escolma informativa sobre o autor de Tui. Divídese aquela en cinco puntos: biografía, obra literaria, o seu papel como erudito galeguista, o seu papel como editor e unha listaxe con bibliografía esencial.
· O espazo xeral da BVG. A Biblioteca Virtual Galega mantén abertas unha serie de fichas con datos relativos á obra e á vida de Álvarez Blázquez.
· O especial da BVG. Outro espazo web da Biblioteca Virtual Galega que non é outra cousa que un especial sobre a figura do escritor que vai ser homenaxeado este 17 de maio.
· A web de Limiar Libros. Unha das librarías galegas máis activas na Rede ofrece estes días un completo resumo biográfico e bibliográfico sobre o autor de Canle segredo.
· O Consello da Cultura Galega. O Consello da Cultura Galega está a informar de todo o relativo á figura de Álvarez Blázquez e ás actividades de recoñecemento que se están a levar a cabo en todo o noso territorio e alén del. Visitar esta web pode ser un bo xeito de evitar perdérmonos na marea de información sobre as Letras que hai hoxe na Rede. A web do Consello tamén centraliza as novas referentes ó escritor homenaxeado que se están a publicar estes días nunha chea de medios informativos en liña.
· www.prazadasletras.org. A web Praza das Letras tamén inclúe unha ficha con datos da obra e da vida de Álvarez Blázquez. Por certo que visitar este espazo é un bo xeito de poñérmonos en contacto coa obra do escritor: na banda inferior do apartado dedicado ó autor de A pega rabilonga podemos ver as imaxes de todos os seus libros actualmente dispoñibles nas tendas.
· centros.edu.xunta.es. Esta web da Consellería de Educación é a porta de entrada para unha webquest sobre o escritor homenaxeado desenvolvida polos blogs de bibliotecas escolares.
· www.diadasletrasgalegas.com. A web que leva o nome da nosa celebración tamén se centra estes días en subministrar todo tipo de datos sobre o senlleiro editor tudense.
A Rede galega afonda no escritor homenaxeado este 17: Xosé María Álvarez Blázquez
Compartir Este Artigo

