A explotación infantil dos turistas occidentais en países en vías de desenvolvemento é unha das peores facianas que adopta hoxe en día un abuso de séculos. Algo así coma o triste símbolo dun legado máis que cuestionable. Afondar neste problema e, en consecuencia, achegar recursos para combatelo é o gran obxectivo do libro electrónico que vén de habilitar gratuitamente Intervida na Rede, o volume I Conferencia Internacional: Turismo e Explotación Sexual Comercial Infantil.
O libro, que segundo Intervida tamén representa unha aposta polo poder de comunicación e convocatoria das novas tecnoloxías, abrangue todos os relatorios dos participantes no encontro do mesmo nome organizado en Madrid en marzo do ano pasado, evento de carácter internacional sobre turismo sexual infantil.
No volume, amais das achegas ó dito foro subministradas dende o eido das organizacións, das institucións ou do ámbito privado, inclúese a testemuña de Irene Rodríguez, nomeada para o Premio Nobel da Paz en 2005 e vítima, ela mesma, de abusos de explotación sexual durante a súa nenez.
Segundo explica Intervida, o turismo é unha das grandes causas da perpetuidade deste problema. Calcúlase que preto do 20% destes abusos en países de Centroamérica e do Caribe teñen como raiz a concorrencia de turistas e estranxeiros en xeral.
Intervida habilita un libro electrónico para combater a explotación sexual nos países pobres
Compartir Este Artigo

