O Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC e maila área de e-Learning do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Consellaría de Innovación e Industria, veñen de anunciar que os vindeiros días 3, 4 e 5 de setembro terá lugar en Santiago de Compostela as xornadas de EDUTEC, As TIC ponte entre culturas; Iberoamérica e Europa.
Este congreso, que organiza o CESGA e a USC en colaboración co Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA), enmárcase dentro das actividades da Asociación para o desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e das novas tecnoloxías aplicadas á educación (EDUTEC).
Esta asociación sen arela de lucro ten presenza dende hai máis dunha década en máis de 20 universidades españolas e de Iberoamérica, entre as que se atopa a Universidade de Santiago de Compostela.
O obxectivo da vindeira edición será, segundo os organizadores, “salientar as posibilidades que as TIC ofrecen para promover o traballo en rede e construír unha sociedade do coñecemento participativa e inclusiva”, polo que a USC anima ós membros da súa comunidade a compartir as súa experiencias innovadoras de uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na docencia universitaria para constituír un dos eixes temáticos do congreso.
Os interesados en participar no EDUTEC 2008 poderán facelo de xeito presencial ou virtual a través dun contorno en rede que permitirá o acceso dos usuarios a todas as comunicacións, pósteres e relatorios do evento nun mesmo espazo.
O prazo de presentación de comunicacións e pósteres permanecerá aberto desde o 1 de maio ata o 30 de xuño.
O EDUTEC 2008 analizará as TIC nas culturas iberoamericana e europea
Compartir Este Artigo

