O director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información, David Cierco, vén de abrir hoxe o programa de actividades previsto en toda España con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, que, como todos sabemos a estas alturas de mes, será o vindeiro 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas na nosa Comunidade.
No acto de inauguración do mesmo, o director xeral salientou que o orzamento destinado polo Plan Avanza para o financiamento de proxectos dirixidos á integración da cidadanía na Sociedade da Información “acada os 440 millóns de euros para o período 2006-2008” con especial interese en apoiar proxectos dirixidos ós colectivos especiais, as zonas rurais e a consecución da igualdade de xénero en Internet.
O Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, tamén coñecido en España como Día de Internet, é unha iniciativa da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), que este ano estableceu como lema As tecnoloxías ó servizo da discapacidade.
Durante a súa intervención no acto inaugural, Cierco tamén destacou a importancia de Internet e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para a integración dos pobos, as culturas e as linguas e destacou “o potencial do español para o deseño de contidos dixitais e servizos que poidan estenderse por toda Iberoamérica e outras rexións do mundo con hispanofalantes”.
A intervención do director xeral precedeu a unha mesa redonda sobre as facilidades que ofrece Internet e a tecnoloxía na integración e nela participaron, entre outros, o compositor e produtor musical Carlos Jean e a directora xeral de NBC Universal Global Networks España, Carolina Godayol.
Dende hoxe e ata o vindeiro 17 de maio terán lugar na Casa de América distintas actividades dirixidas a fomentar o uso de Internet por parte da cidadanía, as empresas e as administracións públicas en liña cos obxectivos do Plan Avanza, entre as que destacan:
– O Arquivo da Experiencia, que escolma testemuñas dos maiores a fin de que poidan servir á formación dos máis novos e incentivas o uso de Internet por parte dos seus protagonistas.
– O Fotoblog da Inmigración, que consiste na creación dun espazo de intercambio cultural onde os inmigrantes poden contar as súas experiencias vitais. Esta acción realízase en toda a rede de telecentros da entidade Red.es.
– A web Jóvenes en Red, que é un proxecto no que os menores de 30 anos poden coñecer de primeira man as vantaxes que aporta un espazo web propio ó dispor dun sitio de balde durante o primeiro ano con dominio “.es”.
– E Chaval.es, un portal dedicado a fomentar a interacción dos máis cativos coas novas tecnoloxías e Internet nun entorno seguro de navegación responsable e doada.
O Plan Avanza achega 440 millóns de euros para integrar á cidadanía na Sociedade da Información
Compartir Este Artigo

