
A presentación desenvolveuse hoxe no Hotel Porta do Camiño de Santiago e nela fixeron acto de presenza, entre outros representantes das TIC e da cultura, Helena Veiguela (directora xeral da Sociedade da Información), Ramón María Lois (secretario xeral do COETG), Pilar García Negro (profesora de Filoloxía Galego-Portuguesa na UDC) e Xavier Alcalá (director do proxecto para a creación do dicionario).
A posta en longo, que veu acompañada dunha mesa redonda sobre o futuro do galego na era dixital, tivo outra finalidade alén de afondar nos obxectivos do dicionario: festexar o Día Mundial das Telecomunicacións o Día das Letras Galegas, ambas festividades o 17 de maio. De feito, o dicionario é en si mesmo un xeito de situar á cultura galega no eido da Sociedade da Información. Neste senso, cómpre salientar que este labor de procurar a corrección lingüística nas TIC e a concorrencia nelas da nosa lingua non vén da man de xente de letras, como sería de agardar, senón por iniciativa de enxeñeiros. Sobre este punto falou o propio Xavier Alcalá: “Tendo en conta que como dicía o profesor Julio de Paula y Pardal un bo enxeñeiro se distingue pola súa capacidade para aprender códigos e aplicalos debidamente, é un compromiso de nós os enxeñeiros aplicar os códigos de xeito correcto, sendo como son fundamentais para os humanos e a fala”.
No traballo, que se desenvolverá ó longo de tres anos e que poderemos ver finalmente en webs como a da AETG, están a participar moitas mans: concretamente as de máis de 30 expertos. Cóntase coa concorrencia do COETG, da dita AETG e da Xunta a través da Consellería de Innovación. Amais, están a traballar arreo na iniciativa investigadores da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo, que contan coa achega da Real Academia Galega en tarefas de supervisión lingüística. A idea é ter ao dicionario en proceso de constante actualización, canto máis precisa por que se apoia nun eido especialmente cambiante, o das novas tecnoloxías.
Segundo puidemos saber no acto celebrado hoxe, está prevista a celebración de catro seminarios de lingua e tecnoloxía en distintas localidades galegas, co gallo de difundir este proxecto a través dos medios informativos e incorporar á iniciativa a diversos persoeiros “dos ámbitos de interese”, informou o COETG.
O caso é que do dicionario, que abranguerá entre catro e cinco mil termos, xa temos falado noutras ocasións: en parte para afondar no que foi preciso investir (máis de dous anos de traballo e esforzos e 167.000 euros) e en parte para anunciar o seu posible remate non definitivo no prazo dun ano, aínda que tal e como se quixo comunicar hoxe en Santiago, é moi probable que sexa preciso ampliar este prazo, tendo en conta a gran envergadura dos traballos.
Preséntase en Santiago o proxecto do Dicionario Enciclopédico das TIC
Compartir Este Artigo

