Finalmente xa coñecemos aos gañadores dos Premios Antilingua Galega, uns galardóns que foron convocados na Rede por Galicia Profunda para conmemorar a loita pola nosa fala pero en negativo (agora que xa se nos vén enriba a festa das Letras, este sábado 17). É dicir: que se recoñecen con este certame aos persoeiros que menos teñen feito ó longo da historia pola nosa cultura e co obxectivo de abrir vieiros sobre como non deben de facerse as cousas. Así, logo de dúas semanas nas que centos de internautas puideron escoller aos candidatos a través dunha votación en liña, os gañadores foron Franco, Paco Vázquez e Galicia Bilingüe.
Máis polo miúdo e segundo indica a organización, os ditos premios van dirixidos a reflexionar sobre o que as políticas erróneas en relación co noso idioma e coa súa progresiva perda de falantes, “sinalando quen son algúns dos responsables e como se poderían tomar medidas na defensa da lingua”, afirman.
Os premiados
· Franco: galardoado coa Boina de Ouro ao personaxe histórico que máis perseguiu o galego. As razóns achegadas polos internautas son varias, pero a organización salienta por riba de todo que Franco era un galego que perseguiu durante décadas unha lingua que falaban moitos dos seus paisanos, unha “mazá podre, podre” para o idioma.
· Francisco Vázquez: gañador do Sacho de Ouro ao que máis dano lle fixo ao galego nos últimos anos. “O seu rexeitamento frontal a que ‘A Coruña’ quedase sen o ‘L’ ficará marcado para sempre na memoria dos galegofalantes”, indica Galicia Profunda.
· Galicia Bilingüe: “Esta asociación”, sinalan os organizadores, “pretende botar abaixo o decreto de galeguización do ensino, no que se establece que, cando menos, o 50% das materias estarán impartidas en galego, un dos poucos grandes logros que conseguiu o galego nos últimos anos”.
Franco, Paco Vázquez e Galicia Bilingüe, recoñecidos nos Premios Antilingua Galega
Compartir Este Artigo

