Telefónica vén de presentar o seu sexto Informe Anual de Responsabilidade Corporativa correspondente a 2007, no que destaca como “exemplo de transparencia” o lanzamento de Atlas RC, unha aplicación interactiva que mostra unha selección de 53 indicadores sobre a evolución experimentada en aspectos de responsabilidade corporativa en máis de 20 países nos que opera a compañía.
Entre os devanditos indicadores destacan os índices de percepción (satisfacción de empregados, clientes e a sociedade en xeral), a información medioambiental (emisións electromagnéticas ou estudos sobre impactos medioambientais) e outros datos de interese como o número de empregados con afiliación sindical.
Este informe de Responsabilidade Corporativa de Telefónica, que por segundo ano consecutivo ten unha versión en liña, vén de converterse, a través da avaliación dos obxectivos propostos publicamente, nunha potente ferramenta para a xestión da RC da compañía que acredita o “avance de Telefónica S.A. respecto dos obxectivos fixados para o ano pasado”.
Neste informe destaca, asemade, que a compañía internacional vén de desenvolver proxectos enmarcados nunha Política de Uso Responsable dos Servizos en Internet así como de asumir novos compromisos autorregulatorios para fomentar o uso responsable das TIC por parte dos menores, realizando accións formativas para 100.000 nenos.
En total, o investimento en acción social e cultural de Telefónica durante o pasado exercicio ascendeu a 88,8 millóns de euros, cantidade da cal máis de 50 millóns corresponderon á Fundación Telefónica, que segue a ser o “motor da acción social estratéxica do Grupo”, con máis de 700 proxectos, que beneficiaron a preto de 40 millóns de persoas, das cales o 95 por cento se beneficiaron a través do uso das TIC.
Un informe de Telefónica salienta o seu labor no uso responsable das TIC
Compartir Este Artigo

