En Euskadi tamén teñen a súa boa ración de cadernos en liña que, coma unha parte importante dos galegos, adoptan o punto de vista duplo de quen olla para o seu e para ao mundo, fixando canles de unha a outra parte. En consecuencia, tendo como teñen entre mans un tecido blogueiro que goza de boa saúde, tamén contan coa inevitable listaxe de premios. Precisamente foron entregados hai uns días os premios convocados pola web Ikasi.eu (co apoio de Alianzo, Goberno Vasco e a Deputación de Bizkaia) e que teñen como principais obxectivos a promoción do euskera e o achegamento das TIC á mocidade.
Diso precisamente, de defender a lingua e normalizar as novas tecnoloxías, trata o gran gañador do certame deste ano: o blog dun grupo de alumnos da ikastola Bihotz Gaztea de Santurtzi, que obtivo o premio ao mellor caderno vasco de estudantes de Secundario.
O blog, que se chama Bihotz Gazte Goxo, cumpre en certa maneira cos requisitos fundamentais dun caderno en liña: é un diario no que se dá conto de todo o que acontece nas aulas do dito centro e moi preto delas.
O instituto gañador, que foi elixido por un comité integrado por especialistas en educación e máis en novas canles do coñecemento, terá agora ao seu alcance unha viaxe ao Kutxaespacio da cidade de Donosti, un proxector e máis un computador de man. Por certo que no Flickr abriuse estes días un espazo para dar conta da entrega de premios.
Entre as entradas máis recentes do blog recoñecido albíscase entre outras cousas a presenza do cantante Jack Johnson -cun vídeo de seu pendurado na Rede- ou da ximnasta Almudena Cid, en boa maneira un exemplo a seguir polos mozos e mozas no eido do deporte.
Entregado o premio ao mellor blog da mocidade vasca
Compartir Este Artigo

