
A habilitación desta infraestrutura, artellada coma un proxecto piloto para conseguir o acceso ás tecnoloxías da información en espazos de montaña e de orografía complicada (para logo seren aplicadas as experiencias a outros escenarios), non só inclúe a achega do equipo para acceder á Rede en lugares públicos, sedes de asociacións e empresas ou casas de particulares, senón tamén a posta en marcha de actividades formativas. Por certo que o proxecto, do que xa falamos nesta mesma web con motivo da presentación, estase a desenvolver de xeito paralelo ao levado a cabo en Samos, a moi pouca distancia do Courel.
Na presentación dos datos devanditos, que tivo lugar este domingo en Folgoso na casa consistorial, participaron os directores xerais de Promoción Industrial e Sociedade da Información e de Desenvolvemento Rural, Helena Veiguela e Edelmiro López. O miolo da convocatoria perante os veciños non foi outro que informar do acadado co despregue do Wimax, que, como dixemos, xa chega (segundo datos das ditas direccións xerais) ao 60% do territorio da comarca, estando previsto o seu afianzamento no 90% nun prazo de dous meses. Na actualidade, informaron os dous departamentos da Xunta, está xa executada a rede principal, co servizo xa implantado nos núcleos máis poboados. Ao mesmo tempo, trabállase neste intre por ampliar a infraestrutura ao resto do territorio. “Máis polo miúdo”, informan, “xa existe cobertura WiFi/Wimax nos núcleos de Folgoso, Seoane, Meiraos, Vilasibil, Vilamor, Froxán e Eiriz, ao tempo que se está traballando nunha segunda fase de ampliacións que incluirá Seceda, Mercurín, Miraz, Moreda do Courel, Noceda, Paderne e Teixeira”.
O proxecto está a desenvolverse cunha serie de medidas complementarias na propia Rede, encamiñadas non só a soster a parte máis teórica da iniciativa no eido dixital (achegando unha sorte de oficina de información aberta as 24 horas), senón tamén a ofrecer unha escolma dos servizos fornecidos polo Wimax que máis poidan interesar aos veciños do Courel, de maneira que entren na Sociedade da Información non polos seus atrancos (como se ten feito hai anos) senón polas súas vantaxes. Esta face na Web do proxecto materialízase en www.galizarural.net. Como dixemos, este portal informa sobre unha serie de cousas se poden facer coa axuda da Internet: acceder a partes do tempo actualizados, prensa e radio en liña, banca electrónica, enciclopedias e bibliotecas, foros, taboleiros de anuncio, catastro, axudas públicas, mapas, etc.
O 60% do Courel xa ten Wimax, segundo Medio Rural
Compartir Este Artigo

