Co obxectivo de achegarlles a Sociedade da Información a tódalas persoas posibles (con independencia da súa idade e ocupación), o operador galego de comunicacións por fibra óptica, R, vén de instalar “o seu campamento TIC inchable” no concello de Allariz. A idea é continuar dende alí coas súas accións de desenvolvemento das novas tecnoloxías a través de actividades didácticas, xogos e entretemento para todos.
A instalación ficará aberta ao público no Campo da Barreira dende mañá xoves, 5 de xuño ata o vindeiro domingo día 8, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.
Ó igual que noutras ocasións, no interior da cúpula o visitante poderá percorrer varios módulos e descubrir novas dimensións das tecnoloxías da información a través de xogos e distintas actividades. Os pequenos volven a ter a súa propia zona onde poderán debuxar ás súas anchas, xogar con monicreques e facer globoflexia.
Asemade, desta volta, os visitantes da cúpula que queiran probar as súas habilidades ó volante dunha videoconsola poderán competir entre si a través dos xogos Mario Kart, Need for Speed, ProStreet e Speed Racer; as carreiras serán proxectadas nunha pantalla lateral para que o público tamén goce da competición e anime aos participantes.
Do mesmo xeito, os visitantes poderán entreterse cunha nova consola virtual xogando tamén de maneira interactiva ao tenis, aos bolos, pilotando ou vivindo as aventuras máis diversas. Trátase, coma no caso das carreiras de coches, do último que saíu ao mercado no eido dos chamados xogos “eye – toy”, onde o participante é o protagonista do seu propio xogo virtual.
Por último, e como novidade, a cúpula albergará un “videomatón” para que o visitante sexa o actor principal da súa propia minipelícula durante 30 segundos, grazas a un panel que insire o seu rostro a corpos fotografados e a unha zona de ordenadores con aplicacións interactivas.
Dende o pasado 2005, esta “atracción tecnolóxica” visitou máis de vinte localidades galegas e outros municipios escollidos en función das súas características e dispoñibilidade. Agora R prosegue o seu camiño en Allariz e mañá xoves será recibida polo alcalde, Francisco García, a concelleira de Novas Tecnoloxías, Olga Quintana e o técnico de Novas Tecnoloxías, Javier Feijoo.
Allariz acolle a cúpula inchable de R para promover as novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo

