Seguimos a voltas con iniciativas encamiñadas a sacarlle varios séculos de enriba –vía a Internet- ao coñecemento histórico. Se o outro día falábamos nesa mesma web da posta a disposición de todos os ollos queiran velo do mapa de estradas máis antigo do mundo, desta volta salientamos unha iniciativa que nos toca aínda máis de preto: a dixitalización e publicación en liña da obra Vocabulario Portuguez e Latino, o primeiro dicionario de lingua portuguesa que se coñece e que saíu do prelo entre os anos 1712 e 1728 da man do pai Raphael Bluteau.
A obra, posta de novo en valor pola Universidade de São Paulo (Brasil), fica agora ao alcance de man da comunidade académica (e dos internautas en xeral) de xeito gratuíto e respectando punto por punto os oito volumes que Bluteau, da Ordem de Ordem de São Caetano, deixou escritos ao longo dun período de nove anos.
A dixitalización e posta en liña inclúe as 43.600 entradas do traballo do lingüista, ás que cómpre engadir dous suplementos con 5.000 novos termos non inseridos nos volumes que poderíamos considerar oficiais. Segundo se comenta en Visão e máis en Chuza!, o traballo foi posible grazas á colaboración de alumnos e mestres do Instituto de Estudos Brasileiros no longo pero necesario labor de dixitalización.
En liña o primeiro dicionario publicado de portugués
Compartir Este Artigo

